LINGUA

Chega a fase final de "Tíralle na lingua"

17/04/2007 "Tíralle da lingua" alcanza a fase final da súa VII edición, na procura do uso oral normalizado do idioma galego entre os máis novos. A iniciativa, promovida pola Concellaría de Política Lingüística en colaboración coa Asociación Pedagóxica Galega (AS-PG) conclúe no Teatro Principal os días 18 e 19 de abril.

Nesta última actividade presentaranse os relatos gañadores, correspondentes a 65 rapaces de 40 centros escolares de toda Galicia. Concederase un primeiro premio de 250 euros ao relato gañador e, de consideralo o xurado, un segundo por valor de 150 euros. Nesta edición de "Tíralle da lingua" participaron uns 1.200 rapaces, que achegaron os seus relatos orais.

O concelleiro de Política Lingüística, Manuel Portas, indicou que iniciativas como esta son un instrumento para chegar a "rapaces que, por pertencer a xeracións máis novas teñen menor uso do galego que os seus pais ou avós". Neste sentido, apuntou que "a maioría ten un domino do galego escrito, moi de acordo coa normativa, pero fáltalles o recurso da oralidade". Por iso, dixo, "un dos nosos máis grandes retos debe ser a recuperación dos usos orais". Nesta necesidade insistiu tamén Carmen Villarino, directiva da AS-PG, que denunciou "o abandono do uso oral" e reclamou "a incorporación da xente nova" a este uso do idioma.

Esta fase final estivo precedida doutras, da que a primeira foron unhas xornadas dirixidas ao profesorado, na que participaron unhas 150 persoas. A continuación celebrouse o concurso de relato oral nos centros educativos, complementado con sesións de dinamización lingüística e contacontos.

Compartir: