IGUALDADE

A campaña Oes, ti de Compostela Territorio das Mulleres recorda que só o sexo en liberdade é sexo

19/05/2022 Compostela, Territorio das Mulleres publica hoxe o vídeo da campaña "Oes, ti" de prevención da violencia sexual, dirixida á educación en masculino, no que a concelleira de Igualdade, Mercedes Rosón, e varias das persoas responsables das entidades adheridas ao programa municipal de igualdade expresan a cámara unha serie de mensaxes claras e concisas sobre o consentimento e a liberdade sexual das mulleres.

As mensaxes que defenden ante a cámara Carmen Díaz estilista- Kookai, Cousalinda, Libraría Lila de Lilith, Libraría Pedreira, Casa dos Xacobes, o Centro Británico, Fábrika Fan ou O xardín dos soños son as mesmas que se poden ver na cartelería que está espallada polos establecementos adheridos ao programa Compostela, Territorio de mulleres, convertendo a cidade nun espazo libre de violencia sexual.

"Para conseguir a igualdade", asegura Mercedes Rosón, "é preciso transformar radicalmente as actitudes e os comportamentos dos homes que non ven as mulleres como iguais". A violencia contra as mulleres, en calquera das súas manifestacións, é un problema social, que afecta a toda a poboación. Con todo, tradicionalmente, a sociedade, os medios de comunicación, as institucións e mesmo este tipo de campañas de sensibilización poñen o foco sobre as mulleres. As mulleres siguen a ser analizadas, exhibidas, culpabilizadas, revictimizadas, previdas e, no mellor dos casos, apoiadas. Pero ¿que pasa cos responsables da violencia?

A campaña "Oes, ti", que o Concello de Santiago pon ao dispor de todas aquelas entidades que queiran replicala, pon o foco no agresor. "Para conseguir erradicar a violencia sexual hai que empezar polo fundamental", recorda Rosón, "deixando de responsabilizar as vítimas e sinalando que os únicos responsables son os agresores".

Entender as razóns últimas que están detrás da violencia que se exerce contra as mulleres supón afondar nas relacións entre mulleres e homes e no contexto onde se producen. Ese contexto está cargado de historia, de cultura e de crenzas, de preconceptos, que poden explicar por que en ocasións a violencia mesmo se ten naturalizado.

Algúns dos mitos que se crearon ao redor da violencia sexual sitúan o risco e, polo tanto, a prevención sobre a vítima, a súa apariencia ou costumes, nas circunstancias da agresión ou na capacidade das mulleres para identificar un agresor en potencia. Porén, todas as mulleres, de calquera idade, aparencia física e status social poden ser agredidas sexualmente. A violencia sexual pode producirse a calquera hora e en calquera lugar e os delitos sexuais poden ser cometidos por coñecidos, amigos ou familiares, ademais de por homes descoñecidos. Os violadores non teñen unha enfermidade mental nin consumen necesariamente drogas ou alcol, son homes conscientes dos seus actos que aprenderon a considerar as mulleres como un ser inferior á que poden utilizar como un obxecto sexual. Adoitan ser machistas, que cren que o comportamento normal e libre da muller é algo " deshonesto" e por tanto, crense con dereito a agredilas sexualmente.

Por iso, a campaña "Oes, ti" diríxese aos os homes. Recordándolles que as mulleres son seres humanos libres, que poden andar por lugares escuros e pouco transitados, que poden vestir como estimen axeitado, que poden tomar unha copa de máis se así deciden facelo e camiñar soas cando o desexen, sen que isto as poña en risco. Porque o risco non está nelas e nas súas circunstancias, senón nas accións dos homes que as agreden. Compostela diríxese aos agresores e dilles "Oes, ti, esa muller camiña soa porque é libre e se non che dixo que si, é que non."

Esta campaña está incluída no proxecto Compostela, Territorio das mulleres e forma parte da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible Integrado do Concello de Santiago (EDUSI Santiago), cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020.

Direccións relacionadas



Compartir: