EDUCACIÓN

O teatro achégase aos institutos un ano máis

17/04/2007 Os salóns de actos dos institutos Rosalía de Castro e Xelmírez I acollen do 18 ao 27 de abril o XII Certame de Teatro Intercentros, organizado pola Concellería de Educación e Mocidade e a Coordinadora de Equipas de Normalización Lingüística de Santiago.

Nove grupos teatrais de institutos composteláns e da comarca encárganse das representacións, que inclúen obras como "Antígona", "Romeo e Xulieta", "Viaxe a ningures", "Utopías", "A sopa boba", "Nefelocoquigia" ou "O caso do visón..." . A obra gañadora será representada no Teatro Principal o día 8 de maio ás 20:00 horas.

Como novidade deste ano, os propios alumnos asistentes serán, xunto cos directores das obras, os encargados de elixir a obra e o grupo gañador, así como o mellor actor e a mellor actriz.

Como en cada edición, as representacións van dirixidas a alumnos de secundaria e queren incorporar o feito teatral ao contorno sociocultural dos escolares, e pola vía do idioma galego. O obxectivo é que os alumnos non vexan o teatro coma un feito estraño, illado da súa experiencia cotiá. Así o destacou a concelleira de Educación e Mocidade, Elvira Cienfuegos, na presentación do certame. Pola súa parte, Xosé Arca, do IES Rosalía de Castro, indicou a importancia desta actividade para fomentar "o traballo en equipo, a cooperación e o compromiso".

Compartir: