ALCALDÍA

A Axenda Urbana 2030 de Santiago de Compostela inicia o proceso de participación directa da cidadanía a través de formularios en liña

11/05/2022 O alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, e os co-directores executivos do proxecto, María Cadaval e Santiago Lago, deron hoxe a coñecer a nova fase do proceso de elaboración da Axenda Urbana 2030, coa que se inicia un período propositivo aberto a todas as persoas interesadas en participar. Desde hoxe toda a cidadanía poderá facer chegar as súas propostas, opinións ou suxerencias a través da plataforma web e colaborar así na creación deste documento estratéxico para o futuro da cidade.

O alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, acompañado polos co-directores do proxecto, María Cadaval, profesora de Economía Aplicada da USC e Santiago Lago, catedrático de Economía Aplicada da UVigo, presentou esta mañá en rolda de prensa a nova fase na elaboración da Axenda Urbana 2030 de Santiago, que impulsará a participación cidadá a través dunha web renovada que recolle toda a información sobre o proxecto e os formularios para facer contribucións.

Durante a presentación, Sánchez Bugallo salientou "a importancia de que a cidade se marque unha serie de obxectivos concretos, nos que toda a cidadanía se sinta incluída e reflexada" e reiterou "o compromiso do Concello coas liñas directrices que se marquen desde este documento estratéxico". Ademais, o rexedor invitou a todos os composteláns a participar de forma directa na construción no que debe de ser un "proxecto de cidade compartido e consesuado para que teña unha verdadeira proxección de futuro".

Como se pode participar?
Na web www.axendaurbana2030santiago.gal, a cidadanía pode acceder tanto á documentación como aos resumos que explican os principais aspectos a mellorar na cidade, así como as eivas detectadas durante a fase de diagnose e análise. Tamén se detallan as diferentes temáticas tratadas nas reunións dos seis Grupos de Impulso e Seguimento (GIS) mantidas o pasado mes de marzo, ademais das entidades e organismos participantes nas mesmas. Estas son Economía; Dimensión Cidadá; Mobilidade e Territorio; Cohesión Social; Educación, Patrimonio e Arte, e Sustentabilidade e Transición Verde.

Toda esta información recollida na páxina web servirá para que todos os potenciais participantes poidan ter unha visión de conxunto e facer as súas achegas a través dos formularios dispoñibles. Existen seis temáticas sobre as que se poden realizar aportacións, e cada persoa pode facelo sobre o número de temáticas que desexe.

Esta acción estará tamén complementada con diversas actividades coas que se procurará reforzar a participación cidadá na elaboración da Axenda Urbana 2030 de Santiago. Paralelamente, tamén se puxeron en marcha os diversos perfís da Axenda Urbana nas principais redes sociais (Facebook, Instagram, Twitter e LinkedIn) co fin de acadar unha interacción máis directa coas persoas interesadas.

Axenda Urbana 2030 Santiago de Compostela
A Axenda Urbana 2030 é un documento no que se establece o marco de referencia estratéxica de Santiago de Compostela para a vindeira década, a elaborar por e para a cidadanía. Esta iniciativa inclúese dentro do proxecto da Axenda Urbana Española. Este documento baséase, á súa vez, na Axenda Urbana das Nacións Unidas e quere converterse nunha panca para acelerar a implementación dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible en todos os fitos que teñen compoñente territorial e urbano, particularmente no ODS 11, cidades sostibles, inclusivas, seguras e resilientes.

Este proxecto é posible grazas ao financiamento da Unión Europea a través dos Fondos Next Generation EU e do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno estatal e da súa Axenda Urbana de España.

Compartir: