INFRAESTRUTURAS

Douscentos mil euros para obras de accesibilidade e de eliminación de barreiras

16/04/2007 O Goberno local deu o visto bo a diversas obras de accesibilidade e superesión de barreiras arquitectónicas. Estas actuacións contrataranse por un total de 200.000 euros.

O proxecto contén tres tipos de obras. Por un lado, eliminaranse barreiras arquitectónicas de tipo urbanístico no Campiño do Carme. Neste ámbito melloraranse as comunicacións peonís mediante a ampliación do espazo, achegándoo á rúa dos Basquiños. Ampliarase a beirarrúa do espazo e rematarase nunha fina lingua de enlousado de granito. De igual xeito actuarase na rúa dos Loureiros. Tamén nos Basquiños, reelaborarase a esquina, asomando cara a rúa pavimento de enlousado de granito, e resolverase o paso mediante rebaixe no propio enlousado.

Outras actuacións afectarán a edificacións, neste caso ao Pazo de Raxoi, coa substitución da rampa existente no soportal da Praza do Obradoiro por outra acorde á valía edilicia e con materiais nobres.

Finalmente, suprimiranse barreiras de comunicación. Para iso, instalarase no Concello un panel informativo en Braille e un teléfono de texto, con explicación dos percorridos accesibles e distribución do edificio. Ademais, seguirá adaptándose a rede semafórica en 38 puntos, nos que se instalarán reloxos dixitais de marcación do tempo de cruce do paso. Tamén se dotará a 20 puntos da rede semafórica de son e voz.

Compartir: