URBANISMO

O palacete da finca do Espiño destinarase a usos institucionais

06/05/2022 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo; e a concelleira de Urbanismo, Mercedes Rosón; visitaron hoxe a finca do Espiño, onde se está procedendo á rehabilitación do palacete modernista, construído polo arquitecto Jesús López de Rego arredor do ano 1910. Nesta remodelación, que conta cun orzamento de execución de 1.425.922,9 euros, respectarase a estrutura orixinal do edificio.

O alcalde sinalou que "a intención municipal" é adicar o edificio a usos institucionais, como "conferencias, reunións" etc. e que poida ser utilizado por "outras institucións públicas e pola propia sociedade". "Será un espazo visitable e utilizable". Unha parcela, apuntou, dunha "riqueza extraordinaria" pola gran cantidade de especies vexetais que alberga.

Sánchez Bugallo lembrou que no "meu mandato anterior, adquirimos a finca e o edificio, e consignáronse os recursos económicos" para o seu acondicionamento e rehabilitación. "Agora atopámonos co problema de que as previsións que manexabamos no ano 2007, están desfasadas". Recordou, tamén, que hai cambios na estrutura, ao atoparse moito máis deteriorada. "O importante é recuperar o edifício e que quede perfecto", subliñou.

Segundo explicou o arquitecto municipal Diego Brieva, ata o de agora realizáronse labores de desbroce, de limpeza, "houbo que facer novas cimentacións, reconstrucións de muros", e agora iníciase a fase de "recalzar" e colocar os primeiros forxados "para consolidar o que xa temos", xa que "a construción se atopa situación moi precaria", polo que respecta ás cimentacions. Non así os muros, "que teñen resistencia, polo que podemos utilizalos e volver ao tipo de estrutura orixinal do edificio", indicou. "Estamos replantexándonos", sinalou "cambiar a subestrutura metálica prevista", por unha de madeira, apoiada neses muros, "máis respectuosa co patrimonio" e máis similar a construción orixinal. "Segundo imos subindo, estamos vendo que hai zonas que se poden manter, pero hai outras tan precarias que seguramente haberá que tiralas para reconstruilas".
Os elementos catalogados, como as gárgolas, manteranse e restauraranse, no caso de estar moi deteriorados, engadiu.

A recuperación do palacete do Espiño supón, dezaseis anos despois da presentación do proxecto, a rehabilitación física dun inmoble catalogado con protección patrimonial, que estaba en estado de ruina e con perigo de agravamento do seu estado co paso do tempo. Esta actuación de rehabilitación forma parte da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible Integrado do Concello de Santiago (EDUSI Santiago) cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020.

Compartir: