SANIDADE

Nova campaña para mitigar a presenza de roedores nas vivendas e na vía pública

16/04/2007 A concelleira de Sanidade, Elvira Cienfuegos, presentou unha nova campaña de control de roedores. A empresa Arumia encargarase desta actuación, que se concentra en varias fases e que busca a colaboración cidadá.

A desratización céntrase nas seguintes áreas: rede de sumidoiros; rexistros de alumeado público e rede semafórica; marxes dos ríos; locais e edificios de titularidade municipal; sotos, baixos e patios interiores de comunidades de veciños e todos aqueles que se requiren dende os servizos municipais de Sanidade ou pola propia cidadanía.

Ademais dunha actuación constante ao longo do ano, os martes e os xoves, fanse dúas campañas anuais en primavera e outono, por ser as épocas de cría por excelencia.

Os restos dos cebos non consumidos son recollidos e tratados como residuos especiais e xestionados como tal. Nos últimos cinco eses utilizáronse 900 quilogramos de raticida.

A colaboración cidadá é fundamental nesta campaña. Así, calquera que detecte a presenza de roedores na vía pública ou nas inmediacións de vivendas debe chamar ao teléfono 981 941 485. Nos devanditos cinco meses deuse resposta a 52 avisos de cidadáns, o que representa unha media de 10,4 avisos por mes.

Baixa presenza en Compostela

Segundo indicou o responsable de Arumia, Xulio López , en Compostela estímase que existe un rato por cada catro habitantes, una cifra "moi baixa". Na súa opinión, estas campañas teñen o obxectivo principal de controlar a poboación de roedores porque, como dixo, ningunha solución probada ata agora serviu para eliminalos totalmente.

López ofreceu tamén unha serie de consellos básicos para evitar a presenza de roedores, tales como non deixar alimentos ao seu alcance, retirar os alimentos sobrantes dos animais domésticos, non acumular lixo, manter a higiene nas inmediacións da vivenda, limpar regularmente as zonas de almacenaxe, non deixar fontes de auga permanentes ao alcance dos roedores ou impedir o acceso á vivenda polas entradas menores.

Compartir: