COMERCIO

Aberto ata o 30 de abril o prazo para inscribirse no 3º Mercado do Libro e da Artesanía da Festa do Banquete

13/04/2022 A Festa do Banquete volve tras dous anos de parón por mor da pandemia con múltiples actividades, que se desenvolverán do 20 ao 22 de maio en Conxo. Entre elas atópase o Mercado de Artesanía, que se celebrará os días 21 e 22 na praza Aurelio Aguirre. Baixo a organización do Departamento de Comercio do Concello, este espazo acollerá expositores dos sectores do libro e da artesanía, que poden solicitar participar ata o día 30 de abril.

O prazo, que finalizaba o día 17, amplíase uns días para non facer coincidir a data de peche coa Semana Santa e facilitar así a participación. Deste xeito, as persoas interesadas en expoñer os seus productos no mercado poderán inscribirse ata as 14:00 h do 30 de abril empregando este formulario. Tamén poderán propoñer actividades complementarias como recitais, breves presentacións literarias ou artísticas e similares. No caso de superarse o número de postos dispoñibles, a organización seleccionará os participantes por estrito orde de rexistro das súas solicitudes.

Para solicitar información complementaria, os potenciais expositores poden consultar as bases que se achegan a esta nova ou dirixirse aos correos electrónicos comercio@santiagodecompostela.gal e mercadobanquete@versalscq.com ou chamar ao teléfono 981555920.

PARTICIPA NA FESTA DO BANQUETE!

Nesta terceira edición da Festa do Banquete hai moitas formas de participar. Como actrices e actores, como voluntarios na organización, cunha formación musical, vestidos de época ou simplemente asistindo a calquera dos eventos previstos. Toma nota:

- Se queres participar activamente, podes sumarte como actor ou actriz ás distintas accións teatrais ou mesmo colaborar na propia organización e preparación da Festa do Banquete. Escolle cal che presta máis. Para calquera desas opcións contacta co Centro Sociocultural de Conxo, no correo csconxo@santiagodecompostela.gal ou ben no teléfono 981528740.

- Podes colaborar como persoa voluntaria na Festa do Banquete. A Asociación Itinera, xunto a veciños e veciñas de Conxo, están a estruturar unha rede de persoas voluntarias para organizar a Festa do Banquete. Se queres ser persoa voluntaria na festa contacta xa no csconxo@santiagodecompostela.gal ou ben no teléfono 981528740.

- O domingo 22 de maio haberá un Serán da Fraternidade aberto á música e ao baile tradicional. Acude co teu grupo de música ou baile.

- Ademais, podes vir vestido de época á Festa do Banquete. Nós axudámosche na confección da túa indumentaria. Se queres lucir un traxe tradicional, contamos co asesoramento e apoio da Asociación do Traxe Galego. Se prefires vir con outras vestimentas propias do século XIX (estudante, artesán/ana, obreiro/-a, fidalgo/a, crego...), impartiremos obradoiros de deseño de vestiario.

Centro Sociocultural de Conxo

- Obradoiro coa Asociación do Traxe Galego: venres de 18:00 h a 19:30 h (comezo o día 1)
- Obradoiro de deseño de vestiario de época: sábados a partir das 17h (comezo o día 2)

Centro Sociocultural de Santa Marta

- Obradoiro de vestiario: xoves de 16 a 18h con comezo o 7 de abril.

Tamén haberá sesións informativas sobre o traxe tradicional e vestiario de época nos centros socioculturais que se poden concretar coas entidades (veciñais, culturais, etc ...) que o soliciten previamente.

Direccións relacionadas



Compartir: