POLÍTICAS SOCIAIS

O Concello súmase á celebración do Día Internacional do Pobo Xitano

08/04/2022 O alcalde de Santiago, Xosé S. Bugallo, e a concelleira de Políticas Sociais, Mila Castro, acompañados por Isabel Suárez e Miriam Fernández, da Fundación Secratario Xitano, e representantes dos demais grupos municipais, deron lectura ao manifesto institucional en conmemoración do Día Internacional do Pobo Xitano, que tamén se celebra coa colocación da bandeira ou co canto do himno Gelem, Gelem, símbolos deste colectivo.

O Concello de Santiago sumouse a esta celebración cun acto de celebración que tivo lugar esta mañá no Pazo de Raxoi co que se quixo lembrar a historia do pobo xitano, e tamén render homenaxe ás vítimas xitanas do xenocidio nazi, das distintas persecucións ao longo dos séculos e da guerra actual en Ucraína. A data non é casual, elixiuse para conmemorar a celebración do I Congreso mundial roma/xitano o 8 de abril de 1971.

A celebración deste día inclúe o izado da bandeira xitana, que se colocou na escaleira de acceso á zona nobre do Pazo de Raxoi; a interpretación do himno xitano Gelem, Gelem; así como a lectura dunha declaración institucional, que levaron a cabo o alcalde de Santiago, Xosé S. Bugallo, a concelleira Mila Castro e a representante da Fundación, e os representantes dos grupos municipais Goretti Sanmartín, do BNG; María Rozas, de CA; e Pedro Rey, do PP.

A declaración institucional fai un mención especial á situación do pobo xitano en Ucraína, apelando á "solidariedade con todas as vítimas desta guerra, tamén co pobo xitano ucraíno, e compartir a reivindicación dunha sociedade xusta, baseada nos dereitos e as liberdades, nos valores democráticos, na igualdade de oportunidades e na cohesión social, para o Pobo Xitano e para o conxunto da sociedade. Vivimos nun contexto de dificultades (crises, pandemia, guerra…) pero que non pode supoñer un paso atrás nos avances que demos na garantía de dereitos e oportunidades para o Pobo Xitano en España e en Europa. Por iso, os pasos que se van dando no recoñecemento institucional, e a conmemoración do 8 de abril é un deles, deben traducirse tamén en medidas concretas para reducir a desigualdade, loitar contra a discriminación e o antixitanismo, e avanzar en dereitos e cidadanía do Pobo Xitano".

Compartir: