VIVENDA

Comezan as obras do polígono que albergará máis de 600 vivendas protexidas na Pontepedriña

14/04/2007 Xosé Antón Sánchez Bugallo colocou a primeira pedra das obras de urbanización do polígono SUP-7 Pontepedriña II, promovido polo Concello e xestionado pola Empresa Municipal de Vivenda (EMUVISSA).

O solo que se vai urbanizar abarca unha superficie de 82.382 metros cadrados que se estenden pola zona traseira da Rúa da Estrada e chegan ata o vieiro Sar-Pontepedriña. Neste terreo vanse construír un total de 646 vivendas, das que 602 son vivendas de protección autonómica, mentres que as outras 44 van ser vivendas de promoción libre con prezo taxado.

As obras de urbanización estarán rematadas a finais de xaneiro do 2008 e deixarán listas as rúas, o alcantarillado e o alumeado do novo polígono. Os traballos contan cun orzamento de 5.944.154,86 euros e correrán a cargo da UTE Alcomte Galicia S.L., Misturas, Obras e Proxectos S.A. e Técnicas Eléctricas y Desarrollo Integral, S.L.

O obra da Pontepedriña enmárcase dentro dunha topografía complexa pola disposición en pendente dos terreos, e cuns bordes de desenvolvemento non planificados que obrigarán a abrir rúas que comuniquen co Paxonal como coa Rúa da Estrada. A nova urbanización recollerá o modelo dos Grupos contiguos, Cardenal Quiroga e Compostela, co obxectivo de conseguir un barrio cohesionado, O deseño integral desta zona da cidade quedará rematado cando se complete a rehabilitación integral deses grupos de vivendas sociais mencionados, que están pendentes de conseguir a declaración de zona ARI. A este respecto o alcalde, Xosé Antón Sánchez Bugallo, asegurou que "haberá unha solución para estes grupos, tanto se consigue esa declaración como se hai que buscar outras vías para a rehabilitación do barrio".

A construcción deste polígono entra dentro das liñas de actuación municipais en materia de vivenda. Nestes momentos o Concello ten en marcha 2.000 vivendas protexidas, ás que se sumarán outras 4.000. Segundo Sánchez Bugallo estas actuacións están encamiñadas a que "as familias con menos recursos poidan ter a súa vivenda no concello de Santiago" e indicou que "terán á súa disposición unha urbanización con todas as dotacións de servizos e equipamentos". Neste sentido apuntou as vantaxes que van supoñer, para os futuros habitantes das vivendas da nova urbanización, a próxima apertura dun colexio na Pontepedriña, a proximidade do centro sociocultural do Castiñeiriño, as infraestructuras de saída e entrada da cidade, os parques Eugenio Granell e o o que se vai facer das Brañas do Sar, as instalacións deportivas do Multiusos do Sar e as propias zonas verdes proxectadas dentro do polígono.

Compartir: