ACCIÓN CULTURAL

A Banda Municipal ofrece un novo concerto baixo o título "Sinfonía con-fusión" dentro do ciclo "Rutas e Sinfonías"

30/03/2022 O Auditorio de Galicia ofrece este domingo un repertorio ecléctico no que se mestura o sinfonismo máis tradicional con ritmos modernos. O concerto que terá lugar a partir das 12 da mañá, contará con pezas de Frank Ticheli, Don Gillis, Bart Picqueur e Oliver Waespi.

No marco do Ciclo II "Rutas e Sinfonías" da temporada 2021-2022 "Camiños Sonoros", a Banda de Música Municipal de Santiago ofrecerá o próximo domingo 3 de abril ás 12:00 h no Auditorio de Galicia o espectáculo "Sinfonía con-fusión". Este programa articúlase cun repertorio moderno que mestura o sinfonismo vernáculo da banda en fusión con estilos de músicas modernas (blues, jazz, funk, punk, minimalismo, etc.), nunha mostra do eclecticismo e o amplo espectro de posibilidades estilísticas que ofrece este xénero.

O concerto abre coa obra de Ticheli (Blue Shades), na que o minimalismo de carácter americano vai tecendo unha música textural virtuosa, que se inspira nas harmonías do blues, e emprega sonoridades características de diferentes etapas da evolución do jazz, finalizando a obra cun solo de clarinete no estilo de Benny Goodman.

A seguinte obra, do americano Don Gillis, é unha obra "divertida", que pretendía ser unha sinfonía formal (a nº 6), aínda que no transcurso da composición, o autor foi transitando pola informalidade e a parodia, tendo que titular a obra como Sinfonía 5½ , a cal se enmarca nas formas clásicas pero presentando un discurso desenfadado e nas antípodas do dramatismo.

Continúa o programa coa "Pequena Sinfonía Xitana", do autor belga Bart Picqueur. Trátase dunha obra que pretende describir a súa estancia acampando nun festival de música; a sinfonía resulta ser unha interesante simbiose entre a música folklórica xitana e o estilo punk.

O programa péchase coa obra do suízo Oliver Waespi, titulada "Fanfare and Funk". É unha música na que hai lugar para o ambiente das fanfarrias características das brass band suízas, e para o estilo funk, que se combinan intermitentemente ofrecendo un rico discurso moi característico.

As entradas poderanse adquirir de balde na páxina web de compostelacultura.gal

Direccións relacionadas



Compartir: