ALCALDÍA

O Consello Municipal das Persoas Maiores do Concello de Santiago celebra a súa segunda reunión

23/03/2022 O Consello Municipal das Persoas Maiores reuniuse onte en Pleno na Sala Circular do Auditorio de Galicia, baixo a presidencia da concelleira de Políticas Sociais, Mila Castro. O obxectivo da xuntanza era revisar as accións acordadas na anterior reunión e abordar as novas iniciativas nas que se está traballando. Ademais das entidades integrantes, tamén estiveron presentes os membros dos diferentes grupos políticos da Corporación Municipal: Gonzalo Muiños (PSOE), Marta Lois (CA), Goretti Sanmartín (BNG), Alejandro Sánchez-Brunete (PP).

Durante a xuntanza, debatiuse unha proposta para fomentar a integración de novas entidades no Consello Municipal, para o que é necesario formalizar a solicitude e ter entre os seus intereses xerais ou programas, accións dirixidas ás persoas maiores ou á atención deste colectivo. Tamén se presentou o estudo sobre "A situación ds Persoas Maiores en Santiago de Compostela", coa análise dos datos do número de persoas que na actualidade viven soas no municipio e, se trataron diferentes propostas en relación ás distintas áreas do Goberno Municipal afectan ás persoas maiores.

Polo que respecta á proposta de achegar o Consello Municipal a máis colectivos para incrementar o número de membros, durante a reunión valorouse a necesidade de incentivar a novas entidades da cidade e potenciar tamén o traballo conxunto coa cidadanía de Compostela. O obxectivo final é o de promocionar a vida activa e a autonomía das persoas maiores, á vez que crean sinerxías de traballo con outros grupos de interese.

Entidades integrantes
As entidades que actualmente forman parte do Pleno son: Plataforma Pensionistas de Compostela, Cáritas Diocesana de Santiago de Compostela, Fundación Down Compostela, Cruz Roja Española de Santiago, Federación de Asociacións Veciñais do Rural de Santiago (FERUSA), Asociación Compostela Solidaria, Asociación Galega de Axuda aos Enfermos tipo Alzheimer (AGADEA), Asociación de Loita contra as Enfermidades do Ril da Coruña (ALCER), Asociación Internacional Teléfono de la Esperanza, Plataforma SOS Sanidade Pública de Compostela. Así mesmo tamén forman parte deste Consello os grupos políticos que integran a Corporación Municipal: Gonzalo Muiños polo Grupo Municipal PSOE; Alejandro Sánchez Brunete polo Grupo Municipal Popular; Goretti Sanmartín polo BNG e Marta Lois por Compostela Aberta.

Historia
O Concello de Santiago aprobou no Pleno de 30 de Setembro de 2021 o Regulamento do Consello de Maiores de Santiago de Compostela, co obxectivo de impulsar iniciativas orientadas de cara a un envellecemento activo co fin de mellorar a vida das persoas. O pasado 26 de xaneiro tivo lugar a primeira reunión constitutiva.

Entre as súas funcións as de promover a realización de estudos sobre a situación das persoas maiores no municipio de Santiago, cuxos resultados sirvan de base para propostas de actuación; potenciar a participación das persoas maiores nos asuntos municipais; fomentar o asociacionismo e prestar apoio e a asistencia; propoñer a adopción de medidas dirixidas a eliminar os obstáculos que dificultan a integración real e efectiva da veciñanza maior; ou impulsar a colaboración e cooperación entre asociacións e entidades, públicas ou privadas, para que desenvolvan actuacións para a promoción das persoas maiores.

Compartir: