CULTURA

Terela Gradín presenta o seu primeiro disco no Teatro Principal

13/04/2007 A cantante de jazz Terela Gradín presenta o sábado 14 de abril, ás 21:30 horas, no Teatro Principal, o seu primeiro disco "Lost". As entradas terán un prezo único de catro euros e poderán adquirirse alí mesmo o propio día do concerto en horario de 12:00 a 14:00 horas e dende as 18:00 horas ata o comezo do mesmo.

No acto de presentación do concerto, o concelleiro de Cultura Néstor Rego, indicou que o seu departamento está "encantado" coa idea de abrir as portas do Teatro Principal a diversas actividades culturais, como neste caso o concerto de Terela Gradín.

A novel artista, que estivo acompañada na presentación por Manuel Gutiérrez, pianista do seu grupo, destacou a ilusión de presentar o seu primeiro traballo en Compostela, "unha cidade na que me formei no mundo das artes musicais" e que "ten un valor moi especial para min".

Respecto do seu traballo discográfico, Gradín sinalou que se trata dun traballo no que recollen tanto versións doutros artistas importantes como tamén temas propios. Ao longo dos oito temas que compoñen o disco, poderase escoitar dende temas de Lennon-Mccartey, Coul Porter, Sting... e tamén composicións feitas pola propia Terela e Manuel Gutiérrez.

Pola súa banda, Manuel Gutiérrez sinalou que durante o concerto os asistentes poderán escoitar os temas do disco "Lost" e tamén "algunhas versións coñecidas" de artistas e grupos de primeiro nivel.

Compartir: