MEDIO AMBIENTE

O Carballo do Banquete de Conxo queda en 2º posición no concurso 'Tree of the year', pero xa é a árbore máis querida e recoñecida de Santiago

22/03/2022 Hoxe deron a coñecer os resultados das do concurso da árbore Europea do Ano 2022, tres semanas despois de que rematara a votación internacional. Polonia co seu "Dąb Dunin" (carballo Dunin) proclamouse o gañador con 179.317 votos, seguido ben de cerca polo noso Carballo do Banquete de Conxo con 168.284 votos, a pouco máis de dez mil votos da árbore polaca; e terceiro foi Portugal co Sobreiro Monumental con 70.563 votos, o resto de candidaturas quedaron bastante máis atrás en número de votos como se pode comprobar na táboa.

A fase final da votación estivo todo moi axustada, e desde a organización comentaron que este ano foi a edición con máis participación que rexistraron. O Carballo estivo competindo por enriba dos 130.000 votos con Polonia durante o mes de febreiro antes de que as votacións se volvesen ocultas, con moitos máis votos que o gañador final do pasado ano.

O acto de peche da 12ª edición do concurso 'Tree of the year' celebrouse esta tarde en Bruxelas. O galardón foi presentado por Ludek Niedemayer, eurodeputado, vicepresidente da Comisión de Asuntos Económicos e Monetarios do Parlamento Europeo, e por Michal Wiezik, eurodeputado da Comisión de Medio Ambiente, Saúde Pública e Seguridade Alimentaria do Parlamento Europeo; acompañados doutras autoridades da Comisión Europea e dos organizadores do concurso.

Desde o Auditorio de Galicia en Santiago, o Concello tamén organizou un pequeno evento para seguir a cerimonia dos resultados vía streaming, onde congregou e recoñeceu publicamente as preto dun centenar de entidades, asociacións, colexios, empresas e organizacións que participaron activamente na campaña. O alcalde do Concello de Santiago e Susana Domínguez da organización Bosques sin Fonteiras, agradeceron a todas as entidades o seu valioso apoio brindado á candidatura do Carballo do Banquete de Conxo, contribuíndo así á protección dos nosos bosques urbanos e á loita contra o cambio climático.

Con todo, Santiago, Galicia e España enteira estiveron volcados para facer valer o noso patrimonio natural e recoñecer o Carballo do Banquete cun galardón que non deixa de ser un símbolo, pero de algo moito máis importante: a importancia do medio, da calidade de vida, das zonas verdes e da sustentabilidade. Ademais de poñer en valor o impresionante patrimonio natural que atesouramos.

O alcalde Xosé S. Bugallo, salientou que "a pesares do resultado final, sendo a segunda posición un magnífico resultado, esta inicativa resultou ser un éxito enorme e un desafío moi satisfactorio, que acadou un nivel de agarimo da xente moi por enriba do previsto" e mostrouse moi agradecido con todas a veciñanza e as entidades que apoiaron a campaña do Carballo compostelán.

Ao comezo desta campaña en FITUR, o reto ambiental foi #1Voto1Árbore advertindo que o o compromiso co medio ía en serio, a día de hoxe, máis de 15.000 árbores autóctonas, principalmente carballos, foron xa plantadas no Concello de Santiago a raíz deste reto, e continuaremos cun total de máis de 100.000 novas árbores ata o 2030. Un estupendo legado que xa forma parte da historia de Santiago.

Compartir: