DEPORTES

Últimas horas para inscribirse na carreira e na andaina solidaria "Unha tarde con Samuel", que terá lugar o sábado, no Monte do Gozo

22/03/2022 Mañá, 23 de marzo, é o último día para inscribirse no "Segundo Cross e a Andaina Solidaria para a investigación Duchenne- Becker. Unha tarde con Samuel", que se celebrará o próximo sábado, día 26, no Parque do Monte do Gozo. Hoxe presentárona a concelleira de Deportes, Esther Pedrosa; Juanma Mata Torreira, pai de Samuel, e Amador Pena, en representación do "Club S.D. Compostela Atletismo", organizador do evento.

O Concello de Santiago colabora nesta iniciativa solidaria, na que xa hai máis de 350 persoas inscritas. Todos os detalles, así como o formulario de inscrición, o regulamento, e os donativos do "dorsal 0", están na web carreirasgalegas.com. Todo o recaudado destinarase integramente a investigación desta enfermidade.

As persoas interesadas en participar poden optar por calqueira das dúas modalidades: carreira, de 5 quilómetros, con saída ás 17:30 h; e andaina, de 2,5 quilómetros e saída ás 17:00 h. Para a cativada, tamén se organizou, de xeito paralelo ao dos maiores, unha carreira e unha andaina.

A distrofia muscular de Duchenne e Becher, a enfermidade que sofre Samuel; e unha doenza rara, dexenerativa e polo de agora sen cura. Os músculos daquelas persoas afectadas debilítanse pouco a pouco ata perder a súa funcionalidade. Segundo sinalou Esther Pedrosa, "para o Concello de Santiago é unha honra colaborar nun evento deportivo que ten como principal obxectivo a solidariedade. Queremos aportar o noso gran de area para relanzar esa investigación que permita atopar un tratamento e mellorar a calidade de vida das persoas afectadas e das súas familias".

Con estas probas tamén se pretende visibilizar a doenza de Duchenne e Becher; "moi complicada de levar no día a día", en palabras de Juanma Mata. Máis alá do ámbito deportivo, a intención da organización, segundo explicou Amador Pena, é que a carreira e a andaina sexan unha festa para as familias.

Esther Pedrosa, Amadora Pêna e Juanma Mata animaron á veciñanza e á cidadanía de Compostela a inscribirse en algunhas das probas, pensadas tamén para realizar en familia; e a colaborar así na investigación desta doenza rara. Non hai límite de prazas, aínda que, recordan, o prazo para apuntarse remata mañá, 23 de marzo.

Direccións relacionadas



Compartir: