ACCIÓN CULTURAL

A MICE presenta a programación da súa 17 edición co foco posto nas cineastas da Europa do leste

22/03/2022 Esta mañá tivo lugar no Museo do Pobo Galego a presentación oficial da 17 edición da Mostra Internacional de Cinema etnográfico, que terá lugar do 28 de marzo ao 2 de abril. O mundo do traballo centra a temática desta nova edición do festival, na que tamén volven os aforos ao completo nas proxeccións. A mostra conta co apoio do Concello de Santiago.

A nova edición do MICE presentouse esta mañá nun acto que contou coa presenza da concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón; a vicepresidenta do Padroado do Museo do Pobo, Concha Losada; o director da Agadic, Jacobo Sutil; o deputado responsable da Área de Cultura da Deputación da Coruña, Xurxo Couto; e Ana Estévez, directora da MICE.

A concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, destacou da MICE a súa "capacidade para poñer o foco nos conflictos que aínda que, lonxanos, nos están afectando de xeito directo" e recoñeceu o grande interese das seccións paralelas do Festival, Trazas, Impropias, e Lindes, que lle dan á MICE un "estatus moi competitivo con respecto a outros festivais". Mercedes Rosón tamén agradeceu a colaboración do resto de patrocinadores, e animou a todo o mundo a que participe nesta edición.

Pola súa banda, o deputado de Cultura da Deputación de A Coruña, Xurxo Couto, asegurou que é unha honra estar nun "dos festivais que non pararon durante a pandemia, nin con outo suceso. Este festival é diferente, xa que xunta cinema e etnografía e marca unha direrencia con respecto a outros festivais. Subliñou tamén que o festival xa ten unha consolidación e animou a "seguir adiante, xa que en anos vindeiros toca máis calidade e seguir medrando".

Tamén o director da Axencia Galega das Industrias Culturais,(Agadic), Jacobo Sutil quixo poñer en valor a coordinación das tres institucións á hora de apoiar este tipo de eventos. Asegurou que o audiovisual galego "está no seu mellor momento, triunfando con títulos en todo o mundo, converténdose nun sector competitivo tanto no ámbito da xestión coma no creativo". Tamén salientou da edición deste ano da MICE, a "mirada cara a Europa do Leste, a colaboración coa Galician Film Forum e o Kings College, a programación para os máis pequenos e a presenza dos e das directoras galegas".

A vicepresidenta do Padroado do Museo do Pobo Galego, Concha Losada, agradeceu o "apoio das institucións que ano tras ano fan posible a MICE, expresamente as persoas traballan nesas institucións e que nos acompañan e representan este soporte, que moitas veces vai máis aló do estritamente económico: Agadic, a Deputación da Coruña e o Concello de Santiago". Tamén tivo palabras de agradecemento para toda a equipa do festival.

A directora da MICE, Ana Estévez Lavandeira, foi a encargada de contar as claves desta 17 edición, que este ano está dedicada ao traballo, "un traballo que vai alén do laboral porque se transformou o xeito no que nos relacionamos con el e que se toca dun xeito transversal en todas as actividades do festival".

Estévez Lavandeira comentou ademais que "a MICE sempre tivo moito interese no cinema da Europa do Leste. entre os contidos desta edición, a ollada programada sobre el na sección Impropias, ten un especial interese dada a actualidade, xa que o triste episodio que estamos vivindo en Europa pon, se cabe máis no foco, a realidade sociopolítica deste territorio". A sección está comisariada pola programadora búlgara Mariana Hristova. Ademais, destacou a presenza no festival do cineasta catalán Ferrán Llagostera, "moi vencellado a Galicia cos seus traballos, e que nos trae material inédito sobre os traballos dos mariñeiros en Terranova, tamén de triste actualidade". Será dentro da sección Trazas.

Tamén salientou que "a colaboración coa Galician Film Forum e co Kings College de Londres leva a MICE e o noso cinema alén das nosas fronteiras, posibilitando a estrea británica de Nego Púrpura, das Creadoras Sabela Iglesias e Adriana P. Villanueva, (A Illa Bufarda)".

Ana Estévez Lavandeira lembrou que, un ano máis se conseguíu unha representación feminina do 50% dos máis de 30 filmes que se poderán ver nesta 17 edición.

Durante o acto proxectouse a pequena peza audiovisual producida pola MICE e que nesta edición, fixo a cineasta Sol Mussa.

Ao remate da presentación, inaugurouse, na ala Sur do Museo do Pobo Galego, a exposición, que forma parte do programa da 17MICE, "Coreografías do facer": O traballo feminino nos fondos Henningsen, con fotografías que o folclorista, antropólogo histórico e investigador dinamarqués Gustav Henningsen fixo durante un traballo de campo en Galicia, entre 1964 e 1968 e que estará exposta até o 1º de maio.

Programación
Na semana do 28 de marzo ao 2 de abril, o público poderá visionar na sección oficial, 19 filmes de nove nacionalidades que optarán ao premio a Mellor Filme, entre elas, tres galegas: O último de Arganeo (David Vázquez), Notas sobre os cesteiros de Mondariz (Fon Cortizo) e Resonancias do pasado (Antonio Caeiro). A selección de filmes galegos, tanto na sección oficial coma na sección Lindes, ten en común, ademais do traballo, a memoria colectiva e patrimonial. Vanse poder ver nesta sección A virxe roxa de Marcos Nine, Nación de Margarita Ledo e Cadernas de Olloboi, do Festival Olloboi, convidado nesta edición.

Ademais da exposición de fotografías de Gustav Henningsen, esta semana tamén se poderá gozar das actividades previas á semana grande do festival. O mércores 23, ás 18:30 a 17 MICE presenta no auditorio do Museo, dúas curtas da cineastra Xisela Franco, desenvoltas polo proxecto Atlantic CultureScape / A Guarda, e que visibilizan o patrimonio inmaterial da vila. Entrada de balde até completar aforo.

Talleres, mesas redondas, debates, programación para a xente nova e proxeccións en liña completan o programa desta 17 edición que se celebrará en Santiago de Compostela do 28 de marzo ao 2 de abril de 2022, conta co apoio do Concello de Santiago de Compostela, da área de cultura da Deputación da Coruña, da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC).

Toda a información sobre as películas, entradas e inscricións nos talleres, na web do festival mice.museodopobo.gal

Direccións relacionadas



Compartir: