XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno Local aproba a licitación do espectáculo pirotécnico das Festas do Apóstolo

21/03/2022 A Xunta de Goberno Local aprobou a licitación do expediente denominado "Deseño, produción, montaxe e realización do espectáculo pirotécnico das Festas do Apóstolo 2022", e a apertura do procedemento de adxudicación por 294.630,62 euros. Tamén deu luz verde, hoxe, a autorización do uso privativo de espazos no parque da Alameda de Santiago para colocación de postos durante as Festas da Ascensión e do Apóstolo de 2022 e 2023, e a apertura do procedemento aberto de adxudicación, establecéndose un tipo mínimo de licitación en forma de canon a abonar ao Concello de 235.026,00 euros.

Na reunión do executivo municipal tamén se adxudicou o contrato que ten por obxecto a "Execución das obras do proxecto de rehabilitación "Aplicación de medidas correctoras para o Estadio de San Lázaro segundo o estudo integral de patoloxías (Fase III) - Separata nº 1: reparación urxente torres de iluminación", á empresa Sergonsa Servicios S.L, por un importe total de 132.670,45 euros.

E aprobouse, ademais, por dous anos, o expediente denominado "Servizo de limpeza e desinfección de dispositivos de auga quente sanitaria e auga fría de consumo humano para o control e prevención da contaminación por lexionela nas instalación deportivas municipais", e a apertura do procedemento de adxudicación mediante procedemento aberto simplificado, establecéndose un tipo de licitación de 84.461,92 euros euros, IVE engadido. A maiores, aprobáronse as novas tarifas do servizo do mercado de Amio que recollen a suba do IPC dun 5,5% con respecto á tarifa vixente aprobada o 27 de xaneiro de 2020.

Por outra banda, aprobouse o Plan Director do Parque arqueolóxico Compostela Rupestre redactado pola empresa Trivium, estratexias en cultura e turismo S.L., ao abeiro de Convenio polo que se establecen as bases de cooperación entre a Deputación provincial da Coruña e os concellos de Ames, Brión, Santiago de Compostela, Teo e Val do Dubra. Proxecto Compostela Rupestre.

Licenzas
No apartado de licenzas, acordouse conceder ao Parlamento de Galicia licenza para a remodelación do espazo de recepción de visitas e a humanización e mellora da accesibilidade e eficiencia enerxética, cun orzamento de execución material de 1.111.188,28 euros.

Tamén se lle concede, a Santa Marta Novo Residencia, licenza de obra nova para construción dun edificio de 20 vivendas, 3 unidades de residencial comunitario, un local comercial, 22 prazas de garaxe e 22 rochos, na rúa Travesa da Poza, cun orzamento de execución material de 1.775.000,01 euros.

Bonos Corazón
Na rolda de prensa o alcalde, Sánchez Bugallo tamén fixo balance dos Bonos Corazón Concheiros. Ata o momento, as persoas consumidoras descargaron 2.551 bonos, e inscribíronse neste programa de dinamización do comercio e hostalería da zona de San Pedro-Concheiros, 76 establecementos, 55 deles comerciais, e 21 do sector hostaleiro.

Os Bonos Corazón Concheiros contan cun investimento de 75.000 euros, e estarán operativo para a clientela dos comercios e os locais de restauración da zona de Concheiros-San Pedro, entre o 11 de marzo e o 31 de maio de 2022. Establécense tres modalidades de bonos: de 75 euros, de 50 e de 30 euros. Todos estarán cofinanciados nun 40% polo Concello de Santiago e nun 60% pola persoa solicitante.

Compartir: