ALCALDÍA

O Concello dótase dun Plan Antifraude que incorpora un código ético e unha canle de denuncias

21/03/2022 A Xunta de Goberno de hoxe deu luz verde ao Plan de Prevención de Riscos e Medidas Antifraude (PPRMA), que, ademais de establecer a estratexia municipal para previr, detectar e remediar condutas fraudulentas, incorpora un código ético de comportamento, un procedemento para a xestión de conflitos de interese e unha canle de denuncias.

Coa elaboración do Plan de Prevención de Riscos e Medidas Antifraude, o Concello de Santiago de Compostela dótase dun instrumento fundamental para orientar e desenvolver a súa política de integridade institucional, que se define como a observancia dos valores e principios de boa administración. Este Plan quere ir un paso máis alá e incorpora un Código Ético de aplicación tanto para cargos electos como para empregados municipais. O Plan foi elaborado polo Servizo de Asistencia á Xunta de Goberno, coa colaboración da Asesoría Xurídica do Concello de Santiago.

O PPRMA conforma, xunto co Código Ético e a Declaración institucional de loita contra a fraude e a corrupción aprobado polo Pleno da Corporación na sesión do 25 de novembro de 2021, o conxunto de ferramentas e mecanismos esenciais que configuran, organizan e asentan a política municipal de integridade. O valor do Plan de Prevención é, pois, dobre: dun lado, recolle, crea e implanta procesos e mecanismos para a prevención de riscos na xestión e a fraude e, doutro lado, e se cabe con maior valor, dota por primeira vez ao Concello dun instrumento que organiza e estrutura unha serie de procesos dirixidos á consecución da integridade.

Configúrase inicialmente como un instrumento de xestión, cuxo fin é o de documentar a estratexia municipal dirixida a previr, detectar e, no seu caso, remediar as condutas fraudulentas na xestión dos proxectos financiados polo Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), dando cumprimento ao mandato contido no artigo 6 da Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro, aínda que nace con vocación de aplicarse a todos os procedementos municipais.

O documento identifica e clasifica os posibles riscos e define as áreas máis expostas, neste caso as de contratación, xestión de subvencións e urbanismo. O obxecto pode sintetizarse en dous eixos principais: a identificación e avaliación dos riscos de xestión nos procedementos das tres áreas identificadas e a definición de medidas destinadas a diminuír ou neutralizar aqueles riscos. Este dobre obxecto materialízase no documento nos seguintes contidos:

• Caracterización da organización.
• Identificación dos órganos e servizos con responsabilidades na xestión dos riscos.
• Definición do marco ético de actuación do Concello.
• Creación dunha canle para denunciar situacións ou condutas fraudulentas.
• Determinación dun procedemento para xestionar os conflitos de intereses.
• Identificación e caracterización dos riscos de xestión e das medidas, existentes ou novas, destinadas a combatelos.
• Os procesos para avaliar e revisar o plan e para promover o seu coñecemento.

Código ético

No marco da estratexia municipal de integridade, o Plan Antifraude complementa a súa acción cos seguintes instrumentos: a declaración de compromiso de loita contra a fraude e a corrupción, aprobada polo Pleno da Corporación na sesión do 25 de novembro de 2021; un Código de Ético do Concello de Santiago de Compostela; e un procedemento para previr e abordar as situacións de conflito de interese.

O Código Ético ten por obxecto fixar os principios, os valores éticos e as regras de conduta que no exercicio das funcións deben observar os cargos electos e empregados públicos municipais. Para garantir a súa eficacia e aplicación, o Código regula un sistema de seguimento e avaliación do seu cumprimento, así como a creación dun Comité de Ética, cuxa finalidade é a de impulsar, facer o seguimento e avaliar o cumprimento do Código Ético.

O Comité de Ética estará integrado por un membro da Corporación, un representante da Secretaría Xeral do Pleno, un representante da Asesoría Xurídica e un representante da Intervención Xeral, que exercerán as súas funcións con autonomía plena, independencia, obxectividade e imparcialidade. As conclusións e recomendacións do Comité de Ética plasmaranse nos seus informes e na memoria que elaborará anualmente.

Prevención e tratamento das situacións de conflito de interese

Establécese por primeira vez un procedemento específico para abordar as situacións de existencia de conflitos de intereses que afecten ás autoridades, empregados públicos e, en xeral, participantes na execución do Plan de Resiliencia. Entre outras medidas, establécese a obrigatoriedade de cumprimentar unha declaración de ausencia de conflito de intereses (DACI).

Canle de denuncias

O Concello de Santiago, ademais, poñerá ao dispor dos cidadáns e dos empregados públicos municipais, utilizando tecnoloxía web, unha canle para a denuncia de condutas irregulares ou fraudulentas, e cuxa xestión se encomendou á Sección de Transparencia e Información á Cidadanía.

As denuncias presentadas serán tratadas de forma anónima co fin de evitar calquera eventual represalia ao denunciante e para garantir a súa indemnidade. A tramitación corresponde á Secretaría de Administración Municipal e adecuarase a un procedemento de carácter sumario.

Compartir: