INFRAESTRUTURAS

Ponse en marcha o plan que levará auga e saneamento a todos os núcleos do rural en 2009

13/04/2007 A actuación que en materia de saneamento e abastecemento de auga executará o Concello, en colaboración coa Consellería de Medio Ambiente, nas parroquias do rural vén de experimentar un importante avance trala aprobación por parte da Xunta da primeira fase deste plan.

Os 8.000 habitantes cos que conta o rural de Santiago contarán con servizos de auga e abastecemento no ano 2009. Este investimento vai supoñer un gasto de 3.000 euros por cada habitante do rural, cifra considerablemente superior ao gasto habitual no casco urbano, que se atopa en torno aos 500 euros. Segundo o alcalde, asumir esta diferenza "é un acto de solidariedade necesario". Neste sentido, Bugallo comprometeuse a levar auga e saneamento a todas as parroquias do rural compostelán a través do convenio firmado coa Consellería de Medio Ambiente, por valor de 24 millóns de euros.

O Consello da Xunta deulle na xornada de onte o visto e prace á sinatura do convenio de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente da Xunta, a Empresa Pública de Obras e Servizos Hidráulicos e o Concello de Santiago para a execución das obras de mellora das redes de saneamento das parroquias do municipio compostelán. Con este paso ponse en marcha a primeira fase dun ambicioso plan que, dotado cun orzamento total de máis de 12 millóns de euros, permitirá a 25 núcleos do rural compostelán contar coas infraestruturas de saneamento necesarias.

A inversión no rural vén sendo unha constante tanto no actual mandato como nos pasados. Cada ano o departamento de Obras e Infraestruturas acometeu actuacións en cada parroquia e en cada mandato proxectouse e levouse a cabo unha gran obra da que se beneficiaron varias parroquias: no pasado mandato foron os veciños de Villestro, Laraño e Figueiras os que comezaron a disfrutar de mellorados servizos. Nestes últimos catro anos a obra principal neste ámbito permitiu sanear e abastecer de auga as parroquias de Aríns, Marrozos e Santa Lucía. O custo desta actuación ascendeu a 12 .000.000 de euros para uns 3.000 habitantes, o que supón un investimento de 12.000 euros por vivenda.

Estas 6 parroquias xa contan con anovadas redes de saneamento e abastecemento, traballo no que se investiron 6 millóns de euros aportados entre Xunta e Concello. O acordo entre ambas institucións continúa co investimento de outros 8 millóns para levar os mesmos servizos ao resto das parroquias do rural.

Compartir: