MERCADOS

O Mercado Nacional de Gando de Amio acadou un valor de concorrencia de 67,7 millóns de euros no 2004

19/05/2005 Segundo indicou o concelleiro de Mercados, Xosé Manuel Iglesias, e a pesar da ralentización que sufriu en comparación co 2003, o Mercado Nacional de Gando de Santiago demostrou "a súa puxanza e boa saúde dentro do sector a nivel europeo e a súa condición de motor na comercialización de gando en Galiza".

O concelleiro de Promoción Económica e Mercados, Xosé Manuel Iglesias, presentou hoxe a Memoria da actividade do Mercado Nacional de Gando de Amio de 2004. Durante o pasado ano, o Mercando Nacional de Gando de Amio acadou un valor de concorrencia de 67.760.536 euros, uns 11.275 millóns de pesetas, o que "dá unha idea da importancia deste mercado", segundo Iglesias.

No que respecta á produción de becerros para recría, a baixada foi xeneralizada en toda Europa. Países como Francia, Holanda e Italia, principais exportadoras a España deste tipo de gando, durante o ano 2004 apenas enviaron gando pola escasa produción da que eles dispoñían.

O 54,8% dos becerros comercializados neste mercado foron exportados a diferentes comunidades autónomas do noso Estado e un 7,4% a outros países europeos, dos que destaca Francia, ao importar un 5’93%. O resto foi a Bélxica, Holanda, Italia e Portugal.

En canto a becerros para abasto, a oferta reduciuse nun 3’52% fronte ao ano 2003, ano no que xa baixara, con respecto a 2002, un 7%. A demanda deste tipo de gando ten como destino o seu sacrificio en Galicia nun 98%, polo que tan só unha pequena parte foi exportado a outras autonomías e a Portugal, explicou Iglesias. Pontevedra é a provincia galega que máis mercou este tipo de gando. O valor de concorrencia foi de 16.478.482, un 1’55% menos en relación con 2003 (16.738.733).

O gando vacún maior para abasto tivo unha concorrencia de 23.357 cabezas fronte ás 23.531 que entraran no recinto o ano pasado. O concelleiro de Mercados explicou que este gando foi comprado na súa totalidade polos matadoiros industriais de Galiza. Posteriormente os canais son exportados en máis dun 95% a fóra do noso país, o que representa unha grande actividade industrial nos matadoiros e no transporte.

Da carne que se exporta desde Galicia, arredor dun 60% destínase a outros países europeos e o demais é demandado para o seu consumo no estado, en cidades como Madrid ou Barcelona. Durante o 2004, o valor de concorrencia da carne creceu nun 3´84% en relación a 2003 e foi de 10.809.620 euros.

Por último, do grupo de vacún maior para vida entraron 1.352 cabezas de gando (fronte ás 1015 de 2003) e o valor de concorrencia creceu nun 33%(1.705.314 fronte a 1.287.605). A demanda deste gando segue a ser, como en anos anteriores, realizada por pequenos gandeiros de Galiza, especialmente da comarca de Compostela, que destinan a súa produción ao autoconsumo tanto de leite como das crías.

Destino do gando vacún
Do total de gando vacún que se produce no Mercado Nacional de Gando, o 56’6% queda en Galicia, mentres que para a exportación destínase o 43’4%. Os becerros de recría son o tipo de gando máis exportado: o 62%, e vai principalmente a Cataluña, Aragón, Asturias e Francia. Dos becerros de abasto só se exporta o 1’54, do gando maior de abasto o 0’74% e do gando maior de vida o 1´6%.

Gando ovino e caprino

O concelleiro de mercados explicou que coa aparición de focos de febre azul catarral ovina, coñecida como "lingua azul", o sector ovino padece desde hai meses unha situación difícil, debido ás medidas de prevención como a paralización de gando ou o cambio na súa alimentación. Isto traduciuse en que a concorrencia caeu un 11% (de 7.832 cabezas pasouse a 6.540) e o valor caeu tamén nun 13%.

O gando caprino tamén tivo unha concorrencia moi reducida: só entraron 1.664 cabezas durante o 2004. O valor foi de 102.978 euros cunha variación do -30%.

Compartir: