OBRAS

A concellaría de Obras rematou, no que levamos de ano, seis importantes actuacións, e está executando outras sete

18/03/2022 No que levamos de ano, a concellaría de Obras rematou seis actuacións que contaron cun investimento de 1.177.679,96 euros; e está executando outras sete importantes obras que, en conxunto, contan cun orzamento de adxudicación 4.802.700,72 euros. Delas informou, en rolda de prensa, o concelleiro de Barrios e Obras, Javier Fernández.

O concelleiro destacou que todas elas son unha demanda da veciñanza, "moi necesarias para a cidade", e pensadas para "uso e desfrute da cidadanía". "Todas estas actuacións, forman parte do Santiago do século XXI, da Compostela que van herdar os nosos fillos e netos, as futuras xeracións. Contribúen a humanizar a cidade eliminando barreiras arquitectónicas e dándolle prioridade ás persoas", engadiu.

Obras executadas
No que levamos de ano rematáronse seis obras, cun investimento conxunto de 1.177.679,96 euros. En breve abriranse á cidadanía os aseos da rúa da Trinidade e os da Alameda. Estas dúas actuacións contaron cun orzamento de 133.959,83 euros. Segundo explicou Javier Fernández, a actuación nos aseos da Alameda tivo por obxecto a reparación das deficiencias ocasionadas polas entradas de auga. Ademais, renovouse todo o interior, incluíndo acabados, instalacións e aparatos sanitarios. En liñas xerais mantívose a distribución existente. O maior cambio foi o traslado da zona de almacén e limpeza cara un dos extremos. A estrutura da cuberta reforzouse e impermeabilizouse tanto o forxado do teito como o pavimento. Ademais renováronse as instalacións de saneamento, abastecemento e electricidade. Tamén se colocaron dous lucernarios, para que entrase luz natural. No aseo dos homes hai catro baños, con tres inodoros e no das mulleres oito baños. En cada un deles colocáronse dúas piletas, e un cambiador de cueiros.

Outra das obras finalizadas recentemente que xa está sendo utilizada pola veciñanza e polo resto da cidadanía é o aparcamento da Altiboia. Son 100 prazas de aparcamento de balde, 30 reservadas para residentes e catro para persoas con algún tipo de discapacidade. Esta actuación contou cun orzamento de adxudicación de 171.491,4 euros.

Tamén esta xa lista para ser utilizada pola veciñanza a zona cuberta de usos múltiples de Santa Marta, que contou cun investimento de 122.563,76 euros e o acondicionamento e urbanización do espazo público na rúa do Valiño, en Fontiñas. Cun orzamento de execución de 143.105,9 euros, trátase, segundo explicou o concelleiro, "dunha demanda de fai máis de dez anos".

Rematou tamén o proxecto de rexeneración asfáltica. Actuouse, sinalou Javier Fernández, nunhas vinte rúas pertencentes a todos os barrios da cidade. Esta actuación, dividida en dous lotes, contou cun orzamento de execución de 606.559 euros.

Obras en execución
Neste momento estanse executando sete importantes obras para a cidade, cun orzamento de execución de 4.802.700,72 euros. Son a reconstrución do muro do Pombal, que conta cun investimento de 333.619 euros. Segundo explicou o concelleiro, é unha das obras que podería verse afectada pola falla de subministros da construción, concretamente de formigón; igual ca remodelación da rúa dos Concheiros, unha importante obra á que se destinan 2.170.872,18 euros.

Outra importante actuación que está a piques de finalizar, segundo sinalou Javier Fernández, é a remodelación da rúa do Hórreo, fronte á estación intermodal. Cun orzamento de adxudicación de 505.715,43 euros, trátase dunha obra "imprescindible", en palabras do concelleiro, para "o calmado e pacificación do tráfico no que vai ser o principal nó de comunicacións de Santiago; así como para a integración dos barrios do sur da cidade, como Pontepedriña e Sar co Ensanche;, creando novos espazos de mobilidade e contribuíndo a rexeneración urbana e á humanización desta zona".

A rehabilitación do palacete da finca do Espiño, cun orzamento de execución de 1.425.922.89 euros, é outra desas actuacións que levan anos esperando; e que permitirá recuperar, unha parte do patrimonio modernista de Santiago.

Outro tipo de actuación sobre o patrimonio catalogado, é a rehabilitación do Centro Sociocultural Salvador Parga. Conta cun orzamento de adxudicación de 263.116,21 euros. Situado na Praza de Salvador Parga, ao lado do conservatorio histórico, unha vez rehabilitado será posto a disposición da veciñanza da zona vella.

Tamén está en execución o proxecto de mellora dos accesos aos centros educativos de Lamas de Abade, cun investimento de 103.455 euros; e a estabilización do noiro e acondicionamento e mellora na rúa do Bidueiro en Vidán, cun custe de 153.325,6 euros.

O concelleiro rematou explicando o proxecto de accesibilidade en diversos puntos da cidade, actualmente en licitación. Conta cun orzamento de 222.000 euros; e desenvólvese en consenso con distintas entidades sociais, entre as que destaca COGAMI. Son estas entidades as que recompilan os puntos e espazos de dificil accesibilidade para actuar sobre eles.

Compartir: