SEGURIDADE CIDADÁ E MOBILIDADE

A Policía Local súmase á campaña da DXT de vixilancia e control da velocidade ao volante

18/03/2022 O Concello de Santiago adhírese unha vez máis, como é habitual, á campaña especial sobre vixilancia e control da velocidade que promove a Dirección Xeral de Tráfico (DGT), polo cal a Policía Local levará a cabo controis da velocidade nas principais vías urbanas da nosa cidade entre o 21 e o 27 de marzo.

En liña coa programación de Campañas e Operacións de Vixilancia e Control para o ano 2022, levada a cabo pola Dirección Xeral de Tráfico, entre os días 21 ao 27 de marzo terá lugar unha nova Campaña Especial sobre vixilancia e control da velocidade, especialmente en estradas convencionais e en vías urbanas, ao que se sumará a Policía local de Santiago.

Aínda que se rexistrou un descenso no número de condutores denunciados por exceso da mesma, é necesario seguir facendo o máximo esforzo de concienciación e vixilancia, por canto ten un impacto moi importante na seguridade viaria, o medio ambiente, o consumo de combustible e na calidade de vida das zonas urbanas, poñendo en perigo a seguridade dos peóns e ciclistas.

Ademais, tamén nas zonas urbanas a velocidade é determinante, xa que a partir de 80 km/h é practicamente imposible que un peón sobreviva a un atropelo, mentres que, a unha velocidade de 30 km/h, o risco de morte redúcese ao 10%. Así mesmo, dende a Policía Local recordan que determinadas condutas ao volante poden incorrer en delito penal, por estar recollidas no Código Penal español.

A DXT valora especialmente a participación dos Concellos neste tipo de campañas, xa que as cidades son o escenario no que a maioría dos condutores se inicia na condución e adquire hábitos e costumes. A velocidade ten un impacto moi importante na calidade de vida das zonas urbanas, onde os vehículos poden interferir no benestar dos residentes e ter un impacto moi negativo sobre a seguridade de peóns, ciclistas e outros usuarios vulnerables.

Compartir: