EDUCACIÓN

Segue aberto o prazo de presentación de obras para o XV Premio Internacional Compostela para Álbums Ilustrados

17/03/2022 O Departamento de Educación do Concello de Santiago de Compostela e Kalandraka Editora convocan o XV Premio Internacional Compostela para Álbums Ilustrados, cunha dotación económica única de 9.000 euros. O prazo de presentación dos traballos rematará o 13 de maio de 2022 e o fallo do xurado darase a coñecer durante a última quincena de xuño. Esta convocatoria ten como finalidade fomentar a produción artística e literaria destinada ao público infantil e xuvenil.

O concelleiro de Educación, Rubén Prol, acompañado por Xosé Pérez en representación de Kalandraka e Beatriz Varela, directora do Departamento de Educación, presentaron esta mañá en rolda de prensa a XV edición do Premio Internacional Compostela de Álbums Ilustrados, dirixido a libros cuxo relato se conte a través de imaxes, ou de imaxes e textos que se complementen.

Os autores poderán ser unha ou varias persoas de calquera nacionalidade, e as obras presentadas deberán ser orixinais e inéditas, en calquera das linguas oficiais da Península Ibérica. Non se admitirán aquelas que sexan adaptación doutros orixinais ou as obras que fosen premiadas noutros concursos. Tampouco se admitirán as obras que teñan máis de tres ilustracións publicadas en Internet.

Establécese un único premio, dotado de 9.000 euros, que non se fará efectivo ata que os autores ou autoras entreguen a obra rematada para a súa publicación. A obra premiada será publicada en todas as linguas oficiais peninsulares (galego, catalán, éuscaro, castelán e portugués) pola editorial Kalandraka no mes de novembro do ano 2022.

Presentación das obras
Os traballos serán remitidos ou entregados no Rexistro Xeral do Concello de Santiago (rúa do Presidente Salvador Allende núm. 4, 15705 Santiago de Compostela. A Coruña. España). No sobre especificarase obrigatoriamente «XV Premio Internacional Compostela para álbums Ilustrados».

O prazo de presentación de orixinais abriuse o pasado 21 de febreiro coa publicación destas bases no Boletín Oficial da Provincia da Coruña e remata o 13 de maio de 2022.

Historia
O Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado é un certame convocado dende 2008 polo Departamento de Educación do Concello de Santiago en colaboración con Kalandraka, e dirixido a autores e ilustradores de todas as nacionalidades.

A iniciativa xurdiu no marco da Campaña municipal de Animación á Lectura que veñen organizando ambas entidades dende 2001, co obxectivo de enxalzar este xénero literario e artístico, e proxectar internacionalmente o nome da cidade, a través da publicación de libros de calidade en varias linguas. Trátase dun dos concursos con maior dotación económica no seu ámbito de especialización, con 9.000 euros en concepto de adianto polos dereitos de autor, e cun significativo nivel de participación, ao que se engade o prestixio do xurado que evalúa as obras presentadas.

Direccións relacionadas



Compartir: