TURISMO

Compostela posiciónase para competir no cambiante escenario do turismo de congresos

13/04/2007 Ao longo de 2006, Santiago acolleu 271 reunións, unha máis que en 2005, nas que participaron 57.489 persoas, un 17% máis que no ano precedente. Estes son algúns dos datos que ofrece o "Estudo sobre o turismo de reunións na cidade de Santiago (Ano 2006), presentado polo concelleiro de Turismo, Francisco Candela.

A suba no número de inscritos afecta aos participantes estatais e, sobre todo, aos rexionais. As xornadas son as que determinaron un crecemento tan elevado do número total de participantes en reunións, xa que o número de inscritos nestes eventos foi máis do dobre que en 2005. O tamaño medio dunha xornada pasou dunhas 85 persoas a unhas 165.

En referencia ao gasto, sempre máis elevado no turismo congresual que no convencional, pasou de 188 a 211 euros por persoa e día. Nesta tendencia hai que ter en conta o encarecemento progresivo dos congresos. Deste xeito, a repercusión económica sobre a cidade do turismo de reunións e congresos situase en 2006 nos 23.486.694 euros.

Segundo o director do Centro de Estudios e Investigacións Turísticas, Xosé. M Santos Solla, estas cifras veñen a poñer de relevo unha tendencia no sector "a facer máis reunións e máis reducidas, cun incremento significativo das xornadas e do número de asistentes ás mesmas".

Estratexia de captación

Respecto a estas conclusións, o concelleiro de Turismo, Francisco Candela, apuntou que "estamos ante un sector moi competitivo en proceso de cambio". Ante este escenario, dixo, "temos que ser capaces de reconducir a nosa actividade de captación de clientes para consolidar a Santiago como destino de turismo de reunións, centrándonos naqueles sectores con maior número de reunións e de maior estanza media". Candela recordou o cada vez menor peso "social e de lecer" dos congresos, en prol dun maior compoñente profesional.

Na estratexia de captación de novos clientes está a traballar a Santiago de Compostela Convention Bureau. O seu secretario técnico, José María Bescansa, lembrou as accións promocionais realizadas no primeiro trimestre e avanzou as previstas para os seguintes tres meses. Asistiranse a feiras e presentacións en Frankfurt, Praga, Viena, Londres ou Málaga; e incrementaranse as xestións comerciais directas, con especial incidencia en Madrid, Barcelona e tamén Bilbao.

Ademais, o concelleiro de Turismo salientou o traballo que pretende realizar tamén neste campo da captación a Spain Convention Bureau, a entidade máis representativa no turismo de reunións a nivel español, e que agrupa na actualidade máis de 40 cidades de congresos. O obxectivo é estreitar os lazos de colaboración entre administracións, grandes cadeas hoteleiras e de transporte, para así "reforzar o papel de España como destino de turismo de congresos a nivel internacional".

Máis vocación privada

Volvendo ao estudo, este evidencia unha suba das reunións con vocación privada (que chegan a representar un 35% do total polo 22% de 2005), mentres que o 65% das reunións seguen sendo xeradas por organizacións públicas. Non hai que esquecer o importante papel que segue a xogar a Universidade, o principal motor de xeración de xuntanzas, malia que o seu peso diminuíu en 2006, pasando do 37% ao 29%.

O turismo de congresos está a contribuír tamén a desestacionalización do turismo. Así, un mes de temporada baixa como novembro foi no que se realizaron máis reunións (un 14%).

En canto á duración, produciuse un cambio importante en 2006. As que duran menos de tres días pasaron do 54% de 2005 ao 74% en 2006. Esta tendencia evidencia a crecente dificultade dos delegados para poder ausentarse dos seus postos de traballo durante máis de dous días, un fenómeno que repercute na duración dos eventos , tal como apuntaba Francisco Candela ao referirse á perda de peso do compoñente de lecer dos congresos.

Para falar do turismo de congresos e do posicionamento de Santiago fronte ao mesmo, celebraranse unhas xornadas técnicas o mércores 3 de maio, coa presenza de distintos expertos neste campo.

Documentos relacionados



Compartir: