MEDIO RURAL

Arranca nos Centros Socioculturais do rural o obradoiro de risoterapia "Que farta de rir"

16/03/2022 Dende hoxe e ata o 4 de maio desenvolverase en varios Centros Socioculturais do rural, o obradoiro de risoterapia "Que farta de rir", organizado polas concellerías de Igualdade e de Medio Rural e que está dirixido principalmente ás mulleres que acoden aos CSC do rural de Compostela.

Hoxe arranca en varios CSC do Rural, o obradoiro de risoterapia feminista "Que farta de Rir", co se persegue que as participantes conecten coa súa nena interior a través de xogos, dinámicas de expresión corporal, danza e técnicas que evocan a risa, así como con técnicas de respiración e relaxación. O obxectivo é brindar ás mulleres que asistan, un espazo onde aprender a coidarse e a empregar o humor como mecanismo de regulación emocional ante diferentes situacións cotiás.

Organizado polas consellerías de Medio Rural e Igualdade, este obradoiro dunha duración de hora e media por sesión forma parte do programa de actividades dirixido ás mulleres que se desenvolven desde 2016 nos centros da zona rural, e que veñen axudando a fortalecer o tecido de redes de apoio entre as mulleres das parroquias e a promover o aumento da participación en todo tipo de actividades. Contribúese deste xeito ao empoderamento, así como á independencia e autocoidado de todas as participantes, o que redunda nunha mellora da súa calidade de vida.

Os obradoiros desenvolverase entre o 16 de marzo e o 4 de maio nos Centros Socioculturais de Lavacolla, Laraño, A Peregrina, Bornais, Figueiras, Sta Cristina de Fecha, Busto, A Gracia, Marantes e Nemenzo. Ofrécense un total de 15 prazas por obradoiro. A inscrición levarase a cabo nos propios centros ou a través do correo electrónico a mposeo@santiagodecompostela.gal.

Risoterapia feminista

A risoterapia é unha ferramenta de sanación mediante a risa que contribúe a regular as emocións e pensamentos de xeito positivo e funcional, repercutindo positivamente no corpo e no benestar psicolóxico. Ademais, axuda a mellorar a autoestima e superar medos como o temor a coñecer xente nova ou facer o ridículo.

Neste obradoiro abórdase a risoterapia feminista a través dos seguintes procesos:

- Percepción: recoñecer de forma consciente as emocións positivas que proporcionan a risa e a calma (ligada a un bo uso da respiración e relaxación) e identificar en que parte do corpo se sinte.

- Comprensión e conexión: analizar e comprender por que se van deixando atrás formas de ser e facer ligadas o disfrute e a diversión debido aos mandatos de xénero e o patriarcado.

- Conexión e diversión: conectar e reencontrarse coa nena interior, dando espazo ao xogo, para expresar dende a emoción, para disfrutar, crear e ser espontáneas sen prexuizos e sen vergoña. Por outra banda, crearase un espazo de conexión grupal onde se fomenten as relacións sororas entre as participantes.

Compartir: