EDUCACIÓN

Mañá, 15 de marzo, ábrese o prazo para inscribirse no programa de conciliación de Semana Santa do espazo de lecer María Miramontes, que oferta 73 prazas

14/03/2022 A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe o programa de conciliación de Semana Santa 2022 no espazo educativo e de lecer María Miramontes, así como os procedementos de alta e acceso, prazos de inscrición e gratuidade do mesmo. Está destinado a menores de entre 3 a 12 anos, ámbolos dous inclusive. Mañá, 15 de marzo, ábrese o proceso de inscrición, que se pechará o 21 de marzo.

En total, o programa oferta 73 prazas: 10 para nenos e nenas de 3 anos; 35 para menores de 4, 5 e 6 anos; e 28 para cativos de 7, 8, 9, 10, 11 e 12 anos. O programa de conciliación levarase a cabo o 11, 12, 13 e 18 de abril de 2022, en horario de 07:45 h, a 15:00 h.

O obxectivo deste programa é responder ás necesidades de conciliación das familias. É por iso que o acceso a este servizo, que é de balde, priorizará, no caso de que houbese máis solicitantes que prazas, a aquelas familias que traballen ou estean en tránsito do traballo a casa no horario de funcionamento do equipamento, con preferencia das monoparentais; familias con alomenos un membro en risco de vulnerabilidade (con informe de Servizos Sociais); as familias con nenos e nenas en acollida e as familias numerosas.

Procedemento de alta
Haberá unha única vía de acceso a través do rexistro realizado polos familiares do neno/a. A persoa legalmente responsable do menor debe dar de alta a cada persoa usuaria cubrindo o formulario de solicitude correspondente no que facilitará a información e documentación correspondente, autoriza a estadía do menor na instalación e acepta as condicións de funcionamento interno.

O formulario poderá descargarse da web municipal www.santiagodecompostela.gal (apartado de ANUNCIOS) e
no da ludoteca María Miramontes:
www.espazolecermariamiramontes.santiagodecompostela.gal, (modelo de solicitude ALTA NO ESPAZO EDUCATIVO E DE LECER " MARÍA MIRAMONTES"; ED009), nos prazos establecidos.

O procedemento de alta é o seguinte, por esta orde: darse de alta no servizo, no rexistro xeral do Concello; a continuación recíbese a confirmación por parte do concello; o terceiro paso é a solicitude de inscrición nas actividades na web do centro; e o cuarto paso, a confirmación da praza por parte da dirección do espazo de lecer María Miramontes.

Direccións relacionadas



Compartir: