AUDITORIO

"Il Re Pastore", de Mozart, en maio no Auditorio de Galicia

13/04/2007 En maio continúa a programación de abono da Real Filharmonía, coa cita ineludible da música de "Il Re Pastore", protagonista dun de los concertos estrela do Auditorio de Galicia. Ademais, o público compostelán poderá gozar este mes coas batutas de Jean Jacques Kantorow e de Frans Brüggen.

"Il Re Pastore", organizado en colaboración co Festival Mozart da Coruña estrearase como ópera o día 17 de maio na cidade herculina, e a súa versión de concerto soará en Santiago o día seguinte, 18 de maio. Nesta ocasión, o Festival presenta unha nova produción propia de "Il Re Pastore", de Mozart, con dirección de Eduardo Vasco, director da Compañía Nacional de Teatro Clásico; escenografía do Premio Nacional de Artes Plásticas José Hernández e vestiario do modisto Lorenzo Caprile. Todos baixo os sons da música da Real Filharmonía de Galicia, dirixida para a ocasión por Jonathan Webb.

O director, Jonathan Webb, é un músico polifacético, xa que ademais de dirixir toca o violín, o piano e o clavicémbalo. Foi director da Ópera de Israel, ademais de ser recoñecido nos principais escenarios europeos, dende Berlín a Viena, Niza ou Venecia. Con motivo do 70 aniversario de Hans Werner Henze, dirixiu a Orchestra del Maggio Musicale Fiorentino, ademais de, noutras ocasións, a Orchestra e Coro Giovanile di Santa Cecilia de Roma, coa que interpretou "Edipo en Colono", de Mendelssohn, con ocasión do proxecto "Colosseo 2000", acto de reapertura do famoso anfiteatro romano como lugar de grandes espectáculos, despois de 1.500 años.

Kantorow chega a Santiago

Con ocasión do concerto do 24 de maio aterra en Compostela o prestixioso violinista e director Jean Jacques Kantorow, Director titular e artístico da Orquestra Ciudad de Granada e cuxo talento é recoñecido polos principais críticos europeos. Iniciado no violín, a súa versatilidade e curiosidade musical impulsouno a inclinarse cara o repertorio orquestral e operístico, e tomou sucesivamente a dirección de diversos conxuntos, tales como a Orquestra de Auvergne, a Orquestra de Cámara de Helsinki ou a Tapiola Sinfonietta.

A primavera musical na capital de Galicia despídese baixo a batuta de Frans Brüggen, cos sons de "Il sentimenti di Carl Philip Emanuel Bach", de Henze, interpretados polo frautista principal da RFG, Laurent Blaiteau, que actuará acompañado da arpa de Celine Landelle.

Concerto da liberdade

Con motivo da terceira edición do Premio José Couso de Liberdade de Prensa, a Real Filharmonía de Galicia ofrece un concerto o 2 de maio no Teatro Jofre da cidade de Ferrol, localidade natal do cámara de televisión falecido durante a guerra de Irak, en 2003. Trátase do único concerto que se celebra en España con motivo do Día da Liberdade de Prensa e ao que se espera asistan periodistas de toda a xeografía peninsular. O concerto, dirixido por Maximino Zumalave e con Javier Otero ao piano, inclúe a "Impresión nocturna", do compositor coruñés Andrés Gaos, e o Concerto "Emperador" de Beethoven.

Compartir: