POLÍTICAS LINGÜÍSTICAS

O programa Apego supera as 600 familias inscritas no concello de Santiago

12/03/2022 O programa Apego, que desenvolve o departamento de Lingua Galega do Concello de Santiago en colaboración con outros municipios galegos, acaba de superar, en Compostela, as 600 familias inscritas. Dirixido á primeira infancia, a menores de entre 0 e 6 anos e ás súas familias, ten como obxectivo incrementar a porcentaxe de nenos e nenas que adquiren o galego como lingua inicial, así como promover que o usen de maneira habitual.

Con esta finalidade inclúe accións de atención á comunidade usuaria; espazos de información e divulgación, así como recursos e actividades para a crianza e socialización en galego; e programación de actividades lúdicas, educativas e culturais para facilitar a socialización no noso idioma dos nenos e nenas (Espazo Apego).

As actividades prográmanse seguindo diferentes temáticas. Entre as desenvolvidas o ano pasado figuraron "Seres mitolóxicos no monte do Viso", en marzo; "Xogo de dobre sobre os produtos da horta", en maio; "Mapa de árbores senlleiras" en setembro; "Recortable sobre os gazafellos", en outubro; ou "Instruccións para fabricar unha gárgola, en decembro.

A maiores, publicáronse, en 2021, 9 vídeos de música, contos, poesía e historias gravados no Festival Apego: "Tambor", con Magín Blanco; "Dez ratiños viaxeiros", con Pablísimo; "Coas miñas mans" , con Pablo Díaz; "Ramona Órbita. A dona do tempo", con Pakolas; "Bo día…", con Golfiños; "Salvaxe", con Xarope Tulú; "Po e Xía", con Aldaolado; "Cantiga de Nadal", con Mamá Cabra; e "Historias do Apalpador", con Anxo Moure.

Outras actividades destacadas son "Tarde de contos", os martes, na que houbo 259 inscricións o ano pasado; "Xogos de palabras", con 58 familias apuntadas; "Obradoiros para medrar", con 89 familias inscritas; a "Festiña do Apego, celebrada o 30 de decembro no Auditorio de Galicia, con espectáculos escénicos e musicais, á que, a pesares da situación epidemiolóxica, asistiron arredor de 400 persoas.

En xaneiro e febreiro de 2021 suspendéronse as actividades no Espazo Apego, por mor da pandemia. Aínda así, durante o ano 2021 inscribíronse no programa Apego 71 novas familias. 40 delas achegáronse ao departamento de Lingua Galega (dependente da concellaría de Políticas Lingüísticas que dirixe Rubén Prol), para facer a entrevista presencial e recoller o material de benvida. O ano 2021 rematou con 584 familias inscritas.

Todas as actividades e a información sobre o programa Apego pódense consultar na web de Apego, e na do departamento de Lingua

Compartir: