COMERCIO

55 establecementos xa se adheriron ao programa Bonos Corazón Concheiros

12/03/2022 Dende que se abrira o prazo o pasado martes, xa son 55 os establecementos adheridos ao programa de incentivación do consumo Bonos Corazón Concheiros: 46 comercios e 9 negocios de hostalería. O prazo para inscribirse permanece aberto durante o tempo de vixencia dos bonos, ata o 31 de maio.

Tamén se abría onte o prazo para a solicitude dos bonos por parte dos usuarios e usuarias. Dos 2.400 dispoñibles xa se descargaron 625. Os establecementos adheridos poden consultarse na páxina web bonoscorazoncompostela.gal.

Establecementos

Os establecementos que desexen adherirse deberán rexistrarse a través da web bonoscorazoncompostela.gal, na que deberán completar unha serie de datos de identificación, localización, etc. A persoa autónoma ou PEME poderá adherir os establecementos comerciais ou hostaleiros dos que sexa titular, sempre que se atopen en locais de negocio distintos.

O prazo para a inscrición de comerciantes e hostaleiros manterase aberto ata o 31 de maio de 2022. Poderán adherirse ao programa Bonos Corazón Concheiros os establecementos comerciais retallistas e hostaleiros que teñan a súa sede de actividade nalgunha das seguintes rúas: Cruceiro de San Pedro, Rúa dos Concheiros, Fonte dos Concheiros, Bonaval, Rúa do Rosario, Rúa da Angustia, Rúa do Home Santo, Rodríguez de Viguri, Avenida de Lugo, Avenida de Quiroga Palacios, Costa do Vedor, Ruela das Fontiñas, Ponte da Raíña, Rúa da Batalla de Clavijo e Rúa de Triacastela; e que reúnan as condicións legalmente establecidas para o exercicio da súa actividade.

Debe ser, ademais, persoas empresarias autónomas ou pequenas e medianas empresas e estar dados de alta nalgún dos grupos ou epígrafes do IAE recollidos nas bases. O nome comercial e localización dos establecementos adheridos ao programa bonos Corazón Concheiros farase público na web.

Solicitude dos bonos

Os Bonos Corazón Concheiros, que contan cun investimento de 75.000 euros, estarán operativos para a clientela dos comercios e os locais de restauración da zona de Concheiros-San Pedro entre o 11 de marzo e o 31 de maio de 2022. Establécense tres modalidades de bonos: de 75 euros, de 50 e de 30 euros. Todos estarán cofinanciados nun 40% polo Concello de Santiago e nun 60% pola persoa solicitante.

O bono terá a consideración de bono desconto para as compras e consumos realizados nos establecementos adheridos ao programa. O seu importe irase reducindo, ata o seu esgotamento, podendo imputarse a un ou varios actos de compra ou consumo. O periodo de validez dos mesmos será do 11 de marzo de 2022 ao 31 de maio de 2022, ambos inclusive, salvo esgotamento previo do seu saldo. Rematado o período de validez, o bono non trocado caducará, o que leva aparellado a perda do saldo remanente non consumido.

Para a solicitude e obtención dos bonos, cada usuario deberá darse de alta na web bonoscorazoncompostela.gal e indicar a seguinte información: nome e apelidos; localidade de residencia, maioría de idade, DNI ou NIE, número de teléfono e correo electrónico. Opcionalmente, tamén se poderá solicitar presencialmente no Concello de Santiago, no lugar que se indicará na web.

A entidade colaboradora, será a encargada de validar a solicitude. Tras dita validación, e unha vez verificada, a achega do cofinanciamento por parte da persoa solicitante estará habilitada para a descarga do bono correspondente; que terá formato dixital a través dun código QR e estará dispoñible para a súa utilización na APP Wallet.

Cada persoa beneficiaria disporá de ata tres bonos. Poderá escoller libremente entre calquera das tres modalidades dispoñibles e solicitar e obter máis dun bono da mesma modalidade. Todos eles poderán ser usados nun ou en varios dos establecementos adheridos ao programa.

Axudas ao comercio compostelán

En decembro de 2020 lanzouse a primeira convocatoria de axudas para o rescate do comercio local afectado pola crise da Covid-19, cunha dotación de 600.000 euros coa que se puideron atender 216 solicitudes das 526 presentadas. En maio de 2021 lanzouse unha segunda convocatoria de rescate, cun orzamento de 1.904.000 euros.
Contemplouse, así mesmo un ambicioso programa de bonos de aparcadoiro coma ferramenta para o fomento das compras no 2020, cun orzamento de 95.908,56 euros, e outro en 2021, cunha dotación de 100.000 euros.

No ano 2021 lanzouse por primeira vez, no Concello de Santiago o programa de Bonos Corazón Compostela, dirixido a comercio e hostalería de todo o municipio, cun orzamento de 600.000 euros. Neste programa participaron 15.304 usuarios, descargáronse 21.489 bonos e realizáronse compras por valor de 1.484.513,57 euros nos establecementos adheridos ao programa.

Agora, seguindo esta mesma liña de fomento do consumo e reactivacion económica, vanse lanzar os Bonos Corazón Concheiros, destinados aos establecementos comerciais e de restauración localizados no ámbito da rúa Concheiros.

Documentos relacionados



Compartir: