COMERCIO

Aberto o prazo para solicitar os Bonos Corazón Concheiros

11/03/2022 Xa está aberto o prazo para que os consumidores/as poidan solicitar os bonos Corazón Concheiros, unha iniciativa do Concello de Santiago que ten por obxectivo incentivar a actividade económica mediante o cofinanciamento de bonos para o consumo no comercio e na hostalería local na contorna da rúa dos Concheiros. Poderanse adquirir bonos por valor de 75, 50 e 30 euros, que estarán cofinanciados nun 40% polo Concello de Santiago e nun 60% pola persoa solicitante e poderán ser utilizados ata o 31 de maio.

Dende hoxe, día da apertura e ata as 10.30 h, "xa se descargaron preto de 50 bonos", indicou o alcalde, que poderán ser gastados nos "45 establecementos adheridos ata o momento: 39 comercios e 6 negocios de hostalería". En total, puxéronse a disposición da cidadanía 2.400 bonos, que poderán empregarse ata o 31 de maio.

Todas as persoas interesadas en descargalos poderán facelo a través da páxina web bonoscorazoncompostela.gal e empregalos nos establecementos comerciais e hostaleiros adheridos ao programa e con actividade nalgunha das seguintes rúas: Cruceiro de San Pedro, Rúa dos Concheiros, Fonte dos Concheiros, Bonaval, Rúa do Rosario, Rúa da Angustia, Rúa do Home Santo, Rodríguez de Viguri, Avenida de Lugo, Avenida de Quiroga Palacios, Costa do Vedor, Ruela das Fontiñas, Ponte da Raíña, Rúa da Batalla de Clavijo e Rúa de Triacastela.

Solicitude dos bonos

Os Bonos Corazón Concheiros, que contan cun investimento de 75.000 euros, estarán operativos para a clientela dos comercios e os locais de restauración da zona de Concheiros-San Pedro entre o 11 de marzo e o 31 de maio de 2022. Establécense tres modalidades de bonos: de 75 euros, de 50 e de 30 euros. Todos estarán cofinanciados nun 40% polo Concello de Santiago e nun 60% pola persoa solicitante.

O bono terá a consideración de bono desconto para as compras e consumos realizados nos establecementos adheridos ao programa. O seu importe irase reducindo, ata o seu esgotamento, podendo imputarse a un ou varios actos de compra ou consumo. O periodo de validez dos mesmos será do 11 de marzo de 2022 ao 31 de maio de 2022, ambos inclusive, salvo esgotamento previo do seu saldo. Rematado o período de validez, o bono non trocado caducará, o que leva aparellado a perda do saldo remanente non consumido.

Para a solicitude e obtención dos bonos, cada usuario deberá darse de alta na web bonoscorazoncompostela.gal e indicar a seguinte información: nome e apelidos; localidade de residencia, maioría de idade, DNI ou NIE, número de teléfono e correo electrónico. Opcionalmente, tamén se poderá solicitar presencialmente no Concello de Santiago, no lugar que se indicará na web.

A entidade colaboradora, será a encargada de validar a solicitude. Tras dita validación, e unha vez verificada, a achega do cofinanciamento por parte da persoa solicitante estará habilitada para a descarga do bono correspondente; que terá formato dixital a través dun código QR e estará dispoñible para a súa utilización na APP Wallet.

Cada persoa beneficiaria disporá de ata tres bonos. Poderá escoller libremente entre calquera das tres modalidades dispoñibles e solicitar e obter máis dun bono da mesma modalidade. Todos eles poderán ser usados nun ou en varios dos establecementos adheridos ao programa.

Outros asuntos

Preguntado polos xornalistas, o rexedor referiuse ao aparcadoiro previsto en Sar. Indicou Sánchez Bugallo que acababan de manter unha xuntanza co párroco e co presidente da Asociación Cultural sobre o tema e lembrou que o acondicionamento do espazo estará listo antes de que o Consorcio acometa as obras de rehabilitación do adro da igrexa, previstas para o verán. O novo espazo, apuntou o alcalde, contará con 38 prazas de residentes e 50 para rotación. O sistema de control de acceso, que quedará en mans da parroquia, irase definindo nas próximas xuntanzas.

Sobre as obras do nó de Concheiros que executa a Xunta, Sánchez Bugallos afirmou que agarda que o goberno autonómico reforce a sinalización e, en caso de non ser así, faríao o propio Concello. "Non vai ser unha razón que se retrase ou impida a recepción da obra", indicou.

Compartir: