SEGURIDADE CIDADÁ

A Policía Local de Santiago identifica un conductor que subira unha imaxe súa ás redes sociais circulando a máis de 160 km/h

10/03/2022 A Policía Local vén de imputar a un home que subiu á súa conta de Instagram un vídeo no que aparece conducindo a máis 160 km/h por unha vía limitada a 50 km/h. O conductor está acusado de cometer presuntamente un delito contra a seguridade viaria, por conducir a unha velocidade que supera en 80 km/h a permitida.

A investigación iniciouse o pasado día 7 de marzo tras recibir, dun veciño desta cidade, un vídeo procedente dunha conta de Instagram na que se podía observar como un vehículo da marca AUDI circulaba a máis de 160 km/h polo túnel do Hórreo, no tramo pola que discorre a SC-20, unha vía que está limitada a 50 km/h.

Os investigadores da Sección de Atestados tras analizar as imaxes, identificaron o vehículo, así como o seu condutor, que foi citado nas Dependencias Policiais, onde se lle tomou declaración e se lle tramitou citación para xuízo rápido.

A Policía Local lembra que, ademais da forte sanción económica e a perda de puntos do carné, esta conduta delituosa pode carrexar mesmo penas de prisión ou castigos penais con multas ou traballos para a comunidade. As condenas conlevan ademais a privación do dereito de conducir vehículos de motor nun prazo que pode ir dun e catro anos.

Ademais, desde a Xefatura da Policía Local quérese agradecer a participación cidadá, fundamental para a localización do condutor implicado.

Compartir: