CIDADES PATRIMONIO

Santiago participa no seminario "A xestión das Cidades Españolas Patrimonio Mundial"

10/03/2022 O Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade organiza este encontro en Salamanca no que queren reflexionar sobre a sostenibilidade e a resiliencia destes destinos turísticos trala pandemia.

A concelleira de Urbanismo e Cidade Histórica, Mercedes Rosón, e a xerente de Turismo de Santiago, Flavia Ramil, acuden estes días no salón de actos da Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Salamanca ao Seminario "A Xestión das Cidades Españolas Patrimonio Mundial", organizado polo Grupo Cidades Patrimonio da Humanidade, en colaboración co Máster en Evaluación e Xestión do Patrimonio Cultural da Universidade de Salamanca, o Ministerio de Cultura e o Concello de Salamanca.

O seminario, que se celebra os días 10 e 11 de marzo, ten previsto abordar a resiliencia e a sostibilidade como desafíos relacionados coa recuperación dos fluxos turísticos, as actividades culturais e os novos escenarios urbanos, sen esquecer os veciños destas cidades patrimonio. Segundo os seus organizadores, "chegou o momento de recuperar a vida nas rúas e as experiencias dos nosos visitantes a través das tradición, as festas e a gastronomía".

Segundo o alcalde de Salamanca e presidente do Grupo Cidades Patrimonio, Carlos García Carbayo, "para os responsables e técnicos das nosas cidades constitúe un reto apaixoante a xestión do patrimonio e da paisaxe urbana histórica herdada, sen esquecer os desafíos onde debemos priorizar a sostibilidade de cara ás xeracións futuras".

O seminario conta cun nutrido grupo de especialistas sobre cada unha das temáticas a tratar ao longo destes dous días. A conferencia inaugural corre a cargo da vicepresidenta de ICOMOS de España, Mónica Luengo, que abordará os desafíos da paisaxe urbana histórica.

Compartir: