ACCIÓN CULTURAL

O Teatro Principal acolle esta fin de semana a peza "Morte accidental dun anarquista" de Dario Fo

09/03/2022 Baixo a dirección de Cándido Pazó, Talía Teatro leva a escena esta peza que nos sitúa en Italia nun momento de gran inestabilidade social e que ben podería ser un retrato da actual situación do noso país. O espectáculo estrearase o venres 11 e sábado 12 de marzo no Teatro Principal de Santiago de Compostela.

A concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, presentou esta mañá "Morte accidental dun anarquista", que estrea Talía Teatro o venres e sábado no Teatro Principal. Á rolda asistiron tamén Jacobo Sutil, director de AGADIC; Cándido Pazó, director do espectáculo; e Artur Trillo, director da compañía.

Cunha montaxe dirixida por Cándido Pazó, a peza está interpretada por Toño Casais, Dani Trillo, Xurxo Barcala, Rubén Prieto, Artur Trillo, Diego Rey e Marta Ríos.

Morte accidental dun anarquista (1970), escrito polo excepcional Dario Fo, trátase dun texto clásico cunha comicidade mordaz, absolutamente desbordante. A compañía conta coa axuda á produción escénica da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) na modalidade trianual.

Próximas datas
O espectáculo estrearase o venres 11 e sábado 12 de marzo no Teatro Principal de Santiago de Compostela. E tamén recorrerá outras localidades como Boiro (25 de marzo), Cee (26 de marzo), Vimianzo (2 de abril), Ribadeo (3 de abril), Lugo (7 de abril), Muros (23 de abril), Narón (6 e 7 de maio).

Compartir: