EDUCACIÓN

Un grupo de alumnos de secundaria de Toledo visitan Santiago no marco do Programa "Coñecer as Cidades Patrimonio"

12/04/2007 Segue a desenvolverse a sexta edición do programa "Coñecer as Cidades Patrimonio", no que ademais de Compostela participan as cidades de Ávila, Ibiza, Segovia, San Cristóbal de La Laguna, Alcalá de Henares, Toledo, Cáceres, Córdoba, Salamanca e Cuenca. No marco desta convocatoria, o xoves 12 de abril chega a Santiago o grupo gañador de Toledo. Os alumnos e profesores pertencen ao IES Universidad Laboral (4º da ESO) e permanecerán na cidade ata o 14 de abril.

Durante estes días participarán nun programa cultural en Compostela. Farán visitas a lugares como a Catedral, o Centro Galego de Arte Contemporánea ou o Museo do Pobo Galego, e farán percorridos polo Casco Histórico ou polo patrimonio universitario. Tamén serán recibidos no Concello pola concelleira de Educación e Mocidade, Elvira Cienfuegos.

O obxectivo do programa é que os alumnos de educación secundaria obrigatoria que viven e estudan en cidades patrimonio da humanidade aprendan a coñecer e valorar non só a súa cidade, senón o resto de cidades que ostentan o mesmo título. Fano través de traballos realizados nas aulas por grupos de alumnos/as, dirixidos polos seus profesores cara a uns temas previamente determinados. En cada edición, as diferentes cidades participantes intercámbianse entre elas. No caso de Santiago, o intercambio desta edición é con Toledo.

Cada cidade escolle o mellor traballo presentado ao programa. Na cidade de Santiago foi o IES Rosalía de Castro o centro seleccionado. Os grupos gañadores reciben como premio unha estadía na cidade sobre a que realizaron o traballo e a súa participación no encontro final de Segovia, sen custo ningún para o centro nin para os escolares. Está previsto que o grupo de Santiago viaxe a Toledo os días 23, 24 e 25 de abril, e a Segovia os días 26, 27 e 28 de abril.

Compartir: