IGUALDADE

O Concello de Santiago recoñece o labor a prol da igualdade de distintas mulleres e colectivos da nosa cidade

07/03/2022 O programa de actividades co gallo do 8 de marzo arrancou hoxe cun evento organizado polo Concello de Santiago, no que se homenaxeou a varias mulleres e colectivos que forman parte da historia viva da cidade, e que se distinguen polo seu labor a prol da igualdade. Baixo o lema "Mulleres de Compostela", a Sala Mozart do Auditorio de Galicia, acolleu esta tarde a gala de entrega dos galardóns, que foi conducido pola xornalista Marga Pazos, e que contou coa presenza do alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, a concelleira de Igualdade, Mercedes Rosón. Tamén asistiron as concelleiras Goretti Sanmartín (BNG), Marta Lois (CA) e María Castelao (PP).

O evento "Mulleres en Compostela" foi organizado pola Concellería de Igualdade coa intención de recoñecer de forma pública a traxectoria profesional e vital dunha serie de mulleres vinculadas a Santiago, e que día a día contribúen a construír unha cidade máis igualitaria, máis social e máis humana.

A concelleira de Igualdade, Mercedes Rosón, abriu o evento amosando a súa "total indignación polo inxustificable ataque de Rusia a Ucraína que está a poñer en risco a vida de millóns de seres humanos" e en especial "aos centos de miles de mulleres, que teñen comezado un dos éxodos máis masivos e incertos do noso tempo para poñer a salvo ás súas familias; deixando atrás as súas casas, os seus traballos, e mesmo as súas vidas; sen saber se un día volverán a recuperalos".

Mercedes Rosón tamén se referiu ás mulleres homenaxeadas durante o acto como un "exemplos de compromiso social cos valores democráticos e cos dereitos da xente en diferentes ámbitos como as artes, a hostalería, o deporte, a investigación, e mesmo, os servicios públicos". Tamén fixo fincapé en que "pese ás conquistas logradas, o camiño pola igualdade está incompleto" xa que "nesta década que estamos a comezar, mais de 2000 millóns de mulleres, en case 70 países, estarán privadas de dereitos que nós xa desfrutamos hoxe", polo que invitou a "mirar mais alá do noso horizonte no espazo e no tempo" e militar "nun feminismo global e inclusivo".

Na mesma liña, o alcalde salientou "a relevancia para a vida da nosa cidade, destas dez mulleres e dos dous colectivos galardoados, tanto polas súas aportacións nas diferentes áreas como a súa contribución específica no camiño cara á igualdade". O rexedor recordou o "compromiso total do Concello por avanzar cara a unha igualdade real entre homes e mulleres e o apoio incondicional a todas as persoas e iniciativas que desde o ámbito local sumen esforzos nesta dirección".

Homenaxe ás mulleres de Compostela
Durante o acto recoñeceuse e o labor das 140 mulleres do Servizo de Atención no Fogar; o SAF, "un servizo excepcional", segundo a concelleira de Políticas de Igualdade, Mercedes Rosón, que "sempre, pero en especial durante a pandemia, contribuiu e contribúe a mellorar a vida da veciñanza".

Tamén se quixo homenaxear os 30 anos de traxectoria da concellaría de Igualdade, que se cumpriron a finais do ano 2021, cunha homenaxe ao CIM, o Centro de Atención á Muller de Santiago de Compostela, e "in memoriam" a Esther Hermida a primeira avogada que prestou servizos na Oficina da Muller.

Tamén recibiron os galardóns a título individual Marilar Aleixandre, escritora, traductora, bióloga e catedrática da USC; Luz Fandiño, poeta e activista social nacida no barrio do Sar; Jose Castro, artesá e Premio Nacional de Artesanía; María de la Fuente, licenciada en Farmacia pola USC, investigadora e co-fundadora da empresa Diversa Technologies; Sara Santos, empresaria de hostalería; Cleo Martínez Ronda, da asociación Vagalume; María Deus, veciña de Busto en representación de todas as mulleres do rural; Rosa Cerqueiro, psicóloga clínica do Sergas (Servizo Galego de Saúde); Hermitas Silva, perruqueira do barrio de San Roque; e Ruth Lorenzo, subcampiona de España de Karate.

Direccións relacionadas



Compartir: