XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno Local aproba a adxudicación do contrato para instalar un novo alumeado público no lugar de Xulacasa, en Figueiras

07/03/2022 A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe a adxudicación do contrato que ten por obxecto a instalación de alumeado público novo, para substituir ao anterior, no lugar de Xulacasa, en Figueiras, a Valdonaire Solucións Técnicas SL, por un importe total de 44.044,00 euros, IVE engadido. Dos acordos adoptados, deu conta en rolda de prensa, o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo.

Trátase dunha obra civil orientada a substituir a infraestrutura de alumeado público existente, incluíndo luminarias led de alta eficiencia e baixo consumo, cableado, arquetas, etc. A proposta de Xunta de Goberno, tamén contempla que a empresa adscriba, como parte do equipo de traballo, un técnico medio ou superior especialista en electricidade. O prazo de garantía das luminarias establécese en 10 anos.

O executivo compostelá tamén aprobou hoxe a interposición dunha demanda contra o Banco Santander, "en defensa da titularidade municipal do local da rúa República do Salvador, nº 12" e a súa inscrición no rexistro da propiedade. Segundo explicou o alcalde, a titularidade deste local, "en virtude dun convenio urbanístico", era do Concello, pero os promotores "fixeron unha hipoteca sobre o edificio, no que estaba incluido este local".

O rexedor sinala que ao ser un local de titularidade pública non pode ser hipotecable. "Polo que continuaremos coa defensa da titularidade municipal neste asunto". Sánchez Bugallo lembrou que hai diferentes sentenzas, pero unha delas, do ano 2014, outorga a titularidade do local ao Concello de Santiago.
Sánchez Bugallo explicou que o Concello asinou un convenio cunha empresa, que tiña unha hipoteca co Banco Popular, "que xa non existe". Ao mercalo o Banco Santander, é este quen queda coa hipóteca. "Entendemos que por lei un local público, de uso público, non pode ser hipotecado nin subastado". A entidade bancaria, o que fixo, indicou o alcalde, foi "sacar a subasta o local e adxudicarllo a unha entidade inversora vinculada a unha entidade financieira, que agora demanda tomar posesión do mesmo".

O rexedor recoñeceu que "houbo un erro importante por parte do Concello que foi non facer efectiva a posesión do local, no mesmo momento en que por parte do xulgado se nos outorga esa posesión, en 2014, e nos entregan as chaves". Non se ocupou ata máis tarde. "Iso non quita", engadiu, "que o local sexa de uso público e titularidade pública, e polo tanto, non hipotecable".

A demanda que se acordou interpoñer na Xunta de Goberno Local ten por obxecto as seguintes accións:

-A acción de nulidade do acto de distribución da carga hipotecaria e de cancelación da inscrición rexistral correspondente
-A acción declarativa de dominio do Concello de Santiago de Compostela sobre o local con solicitude de adopción de medida cautelar de suspensión da toma de posesión do local polo adxudicatario da subasta/remate e a prohibición de dispoñer ou gravar o local dado o seu carácter demanial.
-A acción de nulidade do procedemento de execución hipotecaria ao terse realizado sobre un ben extracomercium, inalienable e inembargable por ser demanial.
-A acción de cumprimento do aval fronte ao Banco de Santander S.A. para o aboamento da parte restante, que ascende a 245.095,46 euros.

Premios Educacompostela
A Xunta de Goberno Local aprobou as bases da convocatoria da "XIV edición dos Premios Educacompostela de recursos didácticos en prol da innovación, da calidade educativa e da renovación pedagóxica". Contará con tres premios, de 1.200, 900 e 600 euros. O certame está convocado polo departamento de Educación do Concello de Santiago coa colaboración pedagóxica de Nova Escola Galega.

Tamén se deu luz verde aos gastos derivados da convocatoria: 2.700 euros. Estes premios teñen como obxectivo recoñecer, promover, premiar e difundir publicamente aqueles materiais educativos que, polo seu valor e interese, poidan contribuír ao desenvolvemento educativo de Galicia, favorecendo a innovación, a calidade na educación e a renovación pedagóxica. A temática desta edición será libre. Os prazos para presentar os traballos comezarán un día despois da publicación das bases no Boletín Oficial da Provincia da Coruña, e finalizarán o 23 de setembro de 2022.

Outros acordos
Por outra banda, renovouse unha nova autorización de venda ambulante de artesanía; e deuse conta da sinatura do convenio de colaboración entre o Concello de Santiago e Abanca Corporación Bancaria S.A para a entrega e distribución dos fondos das axudas do "Programa de dinamización e incentivación do consumo no comercio e hostalería da contorna da rúa dos Concheiros, a través dos bonos Corazón Concheiros.

O alcalde sinalou que mañá está previsto que mañá saia publicado o anuncio no BOP. A partir da súa publicación ábrese o prazo para que os comercios se poidan adherir a este convenio "e facer efectivos eses bonos". E o venres, día 11, explicou o alcalde, abriríase o prazo para que a clientela poida descargar e facer efectivos eses bonos.

Aprobouse, ademais, o texto dun convenio entre o Concello de Santiago de Compostela e Decathlon España SA para o desenvolvemento de actividades formativas no ámbito da seguridade viaria e a prevención de accidentes no relativo ao manexo e condución de bicicletas.

Documentos relacionados



Compartir: