ALCALDÍA

O alcalde sinala a importancia "vital e estratéxica" para Santiago das obras do Orbital e do Orbitaliño

07/03/2022 O rexedor compostelán, Xosé Sánchez Bugallo, xunto do delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, e a concelleira de Urbanismo, Mercedes Rosón, visitou esta mañá as obras do Orbital, que se atopan ao 30% de execución. Tamén asistiron os concelleiros José Antonio Constenla (PP), Jorge Duarte (CA) e Navia Rivas (BNG).

Sánchez Bugallo indicou que "asistimos con moita impaciencia e interese ao desenvolvemento desta obra", que conectará a AP-9 coa A-54 e que permitirá "diversificar as entradas á Sionlla". Un polígono, indicou o rexedor, que experimentou unha "gran velocidade no seu desenvolvemento nos últimos tres anos". De feito, abondou, se continúa a este ritmo, "está previsto que se esgote o solo industrial actualmente urbanizado nun prazo de dous ou tres anos". Para solventar isto, o Concello "está traballando na preparación de novos polígonos que pivotarán sobre este vial".

O alcalde agradeceu ao Ministerio de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana a celeridade da obra, executada ao 30%, e indicou que agarda que o Orbitaliño, a conexión coa N-550, saia o mes que vén a información pública. "O Orbital e o Orbitaliño, hoxe por hoxe, son vitais e estratéxicos para Santiago", remarcau, "e queremos desenvolver esta área empresarial do norte con tres novos polígonos que necesitan unha solución viaria axeitada". Sánchez Bugallo sinalou que "esta xa é a maior área empresarial de Galicia e está chamada a crecer moito máis".

Pola súa banda, o delegado do Goberno destacou que esta infraestrutura suporá "un antes e un despois no desenvolvemento económico e urbano do norte de Galicia e da capital galega" ao permitir unha circulación máis fluída, máis rápida e máis segura que a actual. José Miñones lembrou que a nova ligazón non só permitirá todos os movementos posibles entre a AP-9 e a A-54 senón que mellorará substancialmente a conexión co aeroporto de Lavacolla. O aeroporto gañará así un acceso directo por vía de alta capacidade e gratuíta desde a autoestrada do Atlántico, un traxecto que actualmente debe facerse por estrada secundaria. En paralelo, o Orbital "facilitará substancialmente a conexión cos polígonos do Tambre, Costa Vella e Sionlla", aliviando tráfico pesado e reducindo retencións en horas punta, tanto no Periférico como na ligazón de Santiago Norte.

Características técnicas da ligazón
O Ministerio de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana inviste 22,5 millóns de euros na construción da ligazón, de 1 quilómetro de lonxitude. A nova vía parte do km. 91 da A-54 na ligazón actual de San Marcos e conecta co km. 64,5 da AP-9. Ademais, executarase un pequeno tramo cara ao norte para enlazar co vial autonómico existente que dá acceso ao Polígono Empresarial da Sionlla-Costa Vella.

A nova ligazón Orbital terá unha configuración tipo diamante con glorieta superior con catro ramais que permitirán realizar todos os movementos posibles entre a autoestrada AP-9 e a A-54. O vial terá unha plataforma con calzadas separadas, cada unha con dous carrís por sentido de 3,5 metros de ancho, mediana de 3,00 metros, beiravía exterior de 2,50 metros e interior de 1,00 metro.

Construiranse varias estruturas: dous pasos superiores para a glorieta elevada sobre a AP-9, unha ampliación dun paso inferior, a reposición dun paso superior na AP-9, un paso superior e un inferior para a reposición de camiños veciñais no tronco do vial de conexión, un desprazamento de pilas no tronco da A-54 para aloxar o tramo de trenzado e un muro de 356 m de lonxitude no ramal de saída da AP-9 dirección Santiago de Compostela.

O prazo de execución da obra é de 30 meses e a execución efectúaa a UTE Francisco Gomez-Arias Irmáns-Taboada e Ramos, creada por tres empresas galegas. O custo total resulta de sumar o montante da execución, 19,1 millóns, cos custos derivados de proxectos e expropiacións necesarias.

Compartir: