ALCALDÍA

O Concello abrirá unha lista para que se anoten as persoas interesadas en dar acollemento a familias ucraínas

04/03/2022 A partir do vindeiro luns o Concello de Santiago activará un mecanismo para que quen estea interesado en dar acollemento a familias ucraínas o poña de manifesto. Así o indicou o alcalde en rolda de prensa, na que estivo acompañado pola xefa de Protección Civil de Santiago, Begoña del Río.

O rexedor indicou que o luns se darán máis datos sobre como manifestar formalmente a disposición a acoller e lembrou que, neste caso concreto, o que está saíndo de Ucraína son núcleos familiares de nais e fillos, fundamentalmente, non nenos sós.

Será outra das vías que abrirá o Concello para colaborar con Ucraína, ademais do envío de material que se está recollendo dende hai dous días e de cuxa xestión se está encargando Protección Civil. Tanto a súa coordinadora, Begoña del Río, como o rexedor compostelán agradeceron á poboación de Santiago o enorme compromiso e a solidariedade demostrada dende o inicio da guerra.

Sánchez Bugallo tamén anunciou que a partir da semana que vén se estudarán fórmulas para poder achegar axudas directas a través dalgunha organización oficial recoñecida. "É unha colaboración moi modesta", indicou, "pero reflicte a solidariedade da poboación compostelá, galega e española cos ucraínos" que "están combatindo por eles e pola súa liberdade pero tamén por nós e pola nosa".

Santiago, capital da Economía Social

Noutra orde de cousas, o rexedor tamén se referiu ao inicio das xuntanzas entre o Goberno central, a Xunta, o Foro pola Economía Social e o Concello para a concreción das actividades e iniciativas que se poñerán en marcha no marco da declaración de Santiago como capital da Economía Social para 2022.

Máis alá do programa concreto de actividades, Sánchez Bugallo fixo fincapé en que se quere que este nomeamento sirva para cumprir dous obxectivos: "visibilizar o papel da economía social para que as persoas pensen nesta fórmula" tanto para empregarse como para emprender; e "avanzar en axudas directas" a estas empresas que teñen que enfrontarse a problemas "de asesoramento, de espazo, de financiación e de xestión de permisos".

Sobre Sionlla Biotech, "onde tamén poderá haber iniciativas procedentes da economía social", Sánchez Bugallo lembrou que está previsto que as obras rematen en decembro e que se está vendo "cal é a demanda concreta das empresas" interesadas.

Compartir: