IGUALDADE

"Artellando feminismo" trae un novo programa cargado de eventos para reivindicar o Día Internacional da Muller

04/03/2022 Coeducación, feminismo, fenestar, poesía reivindicativa, monólogos, conferencias vivenciais, teatro, coloquios e moitas outros temas e accións conforman un completo programa encamiñado a reivindicar o 8 de marzo e concienciar sobre a importancia do feminismo como ferramenta para acadar a igualdade. A concelleira de Igualdade, Mercedes Rosón, acompañada de Yara Prieto, responsable de proxectos de Artellando Feminismo, presentaron esta mañá en rolda de prensa o programa do 8M, no que se inclúe o evento "Mulleres de Compostela" co que o Concello prentede recoñecer a traxectoria profesional e vital de distintas mulleres da nosa cidade.

Durante a presentación da campaña con motivo do Día Intenacional da Muller, a concelleira Mercedes Rosón recordou que "as fendas de xénero persisten, e que a desigualdade e a violencia de xénero, e en especial a violencia machista que se incrementou durante a pandemia, están presentes en todas as esferas da nosa sociedade", polo que salientou a importancia de que "as voces das mulleres se unan para pedir igualdade real e efectiva neste 8 de marzo".

Mercedes Rosón mencionou as cifras de delitos sexuais, "un dos indicadores que reflicten que continuamos nunha sociedade tremendamente machista". Así, segundo os datos difundidos polo Instituto da Muller, en 2020 en Galicia rexistráronse 532 delitos contra a liberdade sexual, dos que o 88,72% foron cometidos contra mulleres. Ademais recordou que se seguen sumando vítimas por violencia de xénero: "5 no que levamos de 2022; e 43 en 2021; unha delas, en Galicia; chamábase Mónica Marcos, e era veciña da Coruña".

A concelleira tamén referiuse ao reto a igualdade salarial, xa que "en Galicia, as mulleres cobran un 11% menos que os homes", segundo os últimos datos, correspondentes a 2019, ofrecidos polo Instituto da Muller.

Programa

O ciclo de eventos arrancará o 7 de marzo coa gala "Mulleres de Compostela", que terá lugar ás 19:00 no Auditorio de Galicia, no que se homenaxeará a varias mulleres e colectivos que forman parte da historia viva da cidade; e que se distinguen polo seu labor a prol da igualdade. "Con este acto queremos recoñecer a traxectoria profesional e vital de distintas mulleres que día a día contribúen a construír unha cidade máis igualitaria, máis social e máis humana", salientou a edil de Igualdade.

O 8 de marzo, día central da campaña, terá lugar o fallo de entrega dos premios Xohana Torres ás 11 da mañá no Pazo de Raxoi, e será seguido pola lectura do manifesto ás 11:30 na praza do Obradoiro.

Programa Artellando Feminismo
Artellando Feminismo nace da man do Concello no ano 2019 coa finalidade de animar á sociedade compostelá a implicarse de xeito activo na transformación social no ámbito da igualdade.

No marco do programa Artellando Feminismo, celebraranse ao longo do meses de marzo e abril, unha vintena de actividades obradoiros, teatro, faladoiros, roteiros… así como distintos encontros nas parroquias e nos centros socioculturais do rural.

O programa recolle accións de rostros recoñecidos da reivindicación feminista como Yolanda Dominguez ou Patricia Sarnosa, que compartirán cartel con novas e impoñentes voces do colectivo como Elizabeth Duval, Aixa Permuy ou Lúa Mosquera. Todas elas, a través das súas accións, promoverán a creación de espazos de intercambio e aprendizaxe dirixidos a todas as persoas interesadas en acadar unha cidadanía responsable dende a participación activa.

Entre as actividades do programa, destaca tamén o roteiro guiado "As mulleres da historia compostelá" que percorrerá as rúas de Santiago para coñecer ás mulleres que viviron e axudaron a crear a nosa cidade. Os roteiros terán lugar os días 10 e 24 de marzo, de 18:00 a 20:00

Do 28 ao 30 de marzo tamén se abrirá a inscrición ao roteiro "Mulleres de Compostela no século XX", que ao longo de 8 paradas, darase a coñecer momentos da vida de Elvira Santiso, Concha Castroviejo, María Tobío, Pura Lorenzana ou de Pilar Pereira, mais tamén de Ottilia Ulbricht ou Margot Sponer.

Ao longo do mes de marzo o Concello tamén desenvolverá unha campaña nos centros de ensino, no marco do programa Compigual, baixo o título "Compostela pola igualdade de xénero" para fomentar a educación en igualdade e a prevención das violencias machistas.

A campaña pecharase o 26 de abril co monólogo "Desapareza aquí" de Patricia Sornosa.

Todas as actividades programadas son de balde e poden consultarse na web:www.artellandofeminismo.gal

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: