ACCIÓN CULTURAL

A rede de Centros Socioculturais acolle un amplo programa de exposicións e representacións para festexar o 43 aniversario dos Monicreques de Kukas

04/03/2022 A mítica compañía de teatro compostelá Monicreques de Kukas celebra os seus 43 anos de existencia cunha serie de exposicións e representacións que percorrerá os Centros Socioculturais e a Biblioteca Pública Ánxel Casal durante os meses de febreiro, marzo e abril. Esta mañá celebrouse no CSC do Romaño, no que se pode visitar unha mostra con marionetas, decorados e carteis sobre a obra "Don Gaiferos", un acto de inauguración que contou coa presenza do alcalde de Santiago, Xosé S. Bugallo, a concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón así como os compoñentes da compañía. Asistiron tamén as concelleiras Marta Abal, María Rozas (CA) e Goretti Sanmartín (BNG).

Durante o acto, a concelleira de Acción Cultural felicitou a Marcelino de Santiago Viqueira (Kukas) e a Isabel Rey, fundadores dos Monicreques de Kukas "por ese grande labor de ilusión, maxia, e diversión co que nos levan agasallando tantos anos". Mercedes Rosón recordou que son "unha compañía recoñecida dentro como fóra das nosas fronteiras cun rico repertorio escénico de textos propios e clásicos", e tamén salientou a "súa estética persoal e a súa capacidade para aportar novas formas de entender a construción da marioneta como un ente vivo da escena"

Na mesma liña, o alcalde Xosé S. Bugallo eloxiou a "gran calidade, imaxinación e intelixencia" da parella de titiriteiros, así como a súa "importante aportación á vida cultural dos barrios". O rexedor recordou que Os Monicreques de Kukas "forman parte da nosa cultura popular polo que é necesario preservar e conservar a súa contribución durante tantos anos".

Os Monicreques de Kukas de barrio a barrio
O programa de exposicións e representacións sobre os Monicreques de Kukas desenvolverase durante os meses de febreiro, marzo e abril nos Centros Socioculturais urbanos e rurais e na Biblioteca Pública Ánxel Casal.

Como punto de partida da programación, a Biblioteca Pública Ánxel Casal inaugurou a pasada semana unha exposición da obra O Kikirixote que poderá visitarse ata o 21 de marzo.

Ademais, cada un dos Centros Socioculturais participantes acollerán entre o 4 de marzo e o 30 de abril instalacións con marionetas e decorados así como de deseños orixinais e carteis das seguintes obras creadas pola compañía: "A rúa das Balconadas e Canonxo" no CSC de Conxo,"Contos do vento acatarrado" no CSC de Fontiñas, "Don Gaiferos" no CSC do Romaño, "O encoro enmeigado" no CSC de Vite, "O Castelo da Rocha Vella" no LSC de A Rocha, e "Un agasallo para Xaquín" no LSC de Sar. Dende o 16 de marzo ao 30 de abril "O carnaval dos animais" no CSC de O Ensanche, "Réquiem por un monicreque" no LSC de A Gracia, "A frauta máxica no maxín" no CSC de O Castiñeiriño e "Sen Título 8 x 4 x 6" no CSC de Santa Marta.

A veciñanza de Compostela tamén poderá gozar das pezas que se representarán en cada un dos centros: "De trebellos, perellos e fedellos" nos CSC de Vite, Ensanche e Conxo, "Xan Perillán compra queixo, compra pan" nos CSC do Castiñeiriño, Romaño e Santa Marta, e "Xan Perillán e a maleta máxica" nos centros da Rocha, Sar, Gracia e Fontiñas. As obras virán acompañadas dun encontro cos asistentes para dar a coñecer o proxecto expositivo global da Casa dos Monicreques así como información e anécdotas das obra expostas e da propia compañía e da súa relación coa cidade.

Historia
No ano 1979 Isabel Rei Pousada e Marcelino de Santiago Viqueira (Kukas) crean en Santiago de Compostela a primeira compañía contemporánea de teatro con marionetas de Galicia. Na súa extensa traxectoria recibiron o Premio Galicreques 21, o Premio da Crítica de Galicia Artes escénicas 2020, o Premio da Cultura Galega de Artes escénicas 2019, o Premio Xiria da MITCFC 2019, a Homenaxe de Titiricuenca 2019 e a Mención de Honor bonecos do CDTB – Festival de Títeres Bilbao 1997.

Foron convidados a crear espectáculos con marionetas de gran formato como O Mariscal co Centro Dramático Galego, A doncela guerreira coa Sociedade Estatal de Conmemoracións Culturais, Unha noite no Pórtico do Paraíso e Galiza máxica por encargo da Xunta de Galicia e o IGAEM e os musicais: A frauta máxica por solicitude do Festival da Ópera da Coruña e O retablo de Maese Pedro, O carnaval dos animais, San Nicolás e O Castelo da Rocha vella por encargo do Consorcio de Santiago de Compostela e a Real Filharmonía de Galicia.

Compartir: