CULTURA

O I Festival de Autor Cidade de Compostela trae a Sar a Luis Eduardo Aute e Antonio Vega

12/04/2007 O I Festival de Autor Cidade de Compostela traerá a Compostela a dous grandes da música como Luis Eduardo Aute e Antonio Vega. O concerto, producido pola Concellaría de Cultura e GX Producións, terá lugar o día 21 de abril, ás 21:00 horas no Multiusos Fontes do Sar.

Ás 20:00 horas, as portas do Multiúsos de Fontes do Sar abriranse para dar comezo a unha noite moi especial. Ás 21:00 horas sairá ao escenario o rostro da movida dos oitenta, o fundador e líder de Nacha Pop, Antonio Vega. Por cousa dunha hora e media máis tarde, será un dos poetas máis destacados do panorama español quen tome o relevo: Luis Eduardo Aute, creador de temás tan coñecidos como "La belleza" ou "Al alba".

O prezo para das entradas será de 20 euros anticipada, que se poderán mercar nas tendas de Compostela Discos Gong e Discoprecio, ou ou 25 euros o día do concerto no propio despacho de billetes do Multiusos. Segundo indicou o xerente de GX Producións, Francisco Gil, a afluencia ao concerto "está asegurada", dado o éxito das vendas nos dous primeiros días que chegaron a 1.500 localidades. O aforo, que nun principio é de 5.500 butacas, poderá "aumentarse", segundo indicou Gil, ata chegar aos 9.000 asentos.

"Non é unha idea puntual, senón que agardamos repetila todos os anos. Nesta primeira edición contamos cun cartel de luxo: vai ser unha actuación exclusiva", apuntou Gil. Pola súa banda, Santi Cuadrado, xerente do Multiúsos, agradeceu e felicitou á Concellaría pola súa sensibilidade para este tipo de iniciativas: "A programación musical de Compostela convértea nunha cidade mellor e máis culta".

Dous artistas de referencia

O concerto comezará ás 21:00 horas coa actuación de Antonio Vega. Foi integrante do mítico grupo Nacha Pop, un dos grupos máis importantes da movida madrileña. No 1988 emprendeu a súa carreira en solitario co lanzamento do álbum "No me iré mañana", publicado no 1991. As composicións de Antonio destacan pola súa riqueza e o seu ton retrospectivo e certo agridoce sentimentalismo. Para moitos é xa "unha lenda viva do pop español".

Ás 22:30 horas chegará a hora para Eduardo Aute. A súa carreira musical é unha das máis prestixiosas e sólidas desa gran xeración de artistas nados no medio século pasado. Na súa traxectoria publicou máis de 20 traballos e máis de 330 cancións. Ao longo da súa longa carreira ten desenvolvido facetas tan diversas como a de compositor, cantante, poeta, pintor, director de cine ou escultor.

Compartir: