CIDADES PATRIMONIO

O Grupo de Cidades Patrimonio e o Ministerio de Cultura reúnense en Segovia para impulsar os plans de xestión

03/03/2022 O Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España e representantes do Ministerio de Cultura reuníronse hoxe na Real Casa da Moeda de Segovia para impulsar os plans de xestión. Ao encontro asistiu a concelleira de Urbanismo, Mercedes Rosón.

O Grupo traballa na elaboración destes plans, seguindo as Directrices da Convención de Patrimonio Mundial, que fan necesario que estes bens dispoñan dun plan de xestión propio. Na reunión participaron representantes das 15 cidades, xunto coa subdirectora xeral de Xestión e Coordinación dos Bens Culturais do Ministerio de Cultura, Pilar Barrero, e a subdirectora adxunta, María Agúndez.

A reunión de traballo permitiu avanzar nos plans de xestión de cada unha das 15 cidades e na celebración dun calendario de accións formativas. Os técnicos de Patrimonio das 15 cidades agradeceron a Pilar Barrero o apoio do Ministerio, nunha colaboración iniciada en 1993 e que desde 2007 permitiu que os Orzamentos Xerais do Estado contemplen unha subvención nominativa para o Grupo destinada a proxectos ao redor dos Valores de Universal Excepcionalidade que posúen as 15 cidades incluídas na Lista do Patrimonio Mundial da UNESCO. Coa subvención directa 2020 procedeuse á elaboración dun estudo por parte da Fundación Santa María a Real que permita impulsar a elaboración destes plans de xestión.

O Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España ten como obxectivo actuar de maneira conxunta na conservación, a posta en valor e a promoción turística das 15 cidades españolas recoñecidas pola UNESCO como Patrimonio da Humanidade: Alcalá de Henares, Ávila, Baeza, Cáceres, Córdoba, Cuenca, Ibiza/Eivissa, Mérida, Salamanca, San Cristóbal de la Laguna, Santiago de Compostela, Segovia, Tarragona, Toledo e Úbeda.

Compartir: