ACCIÓN CULTURAL

Roberto Vidal Bolaño volve deixar os seus Rastros pola Rúa Nova de Santiago

03/03/2022 Esta mañá tivo lugar a presentación da xira de "Rastros" de Roberto Vidal Bolaño no Concello de Santiago, unha obra dirixida por Lois Blanco Araúxo e intepretada por Antea Rodríguez, Mateo Franco, Muriel Pernas e Pablo Carrera. A peza teatral estréase o venres 4 e sábado 5 de marzo, ambos ás 20.30h, no Teatro Principal de Santiago.

Esta mañá presentouse a xira de "Rastros" de Roberto Vidal Bolaño no Concello de Santiago. Os asistentes ao acto foron o Director do Centro Dramático Galego, Fran Núñez, o director da peza teatral, Lois Blanco Araúxo, o director do Auditorio de Galicia, Xaquín López e o Secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez.

Durante a presentación desta mañá, Xaquín López destacou: "Roberto Vidal Bolaño volverá a percorrer a rúa. A rúa de Roberto é a rúa dos teatros, a rúa nova que dá cabida a novas xeracións". Dentro destas novas xeracións, formadas na Escola Superior de Arte Dramática están tanto os actores da peza como Antea Rodríguez, Muriel Pernas, Mateo Franco e Pablo Carrera, como o propio director Lois Blanco, quen indica: "A min motivoume un montón levalo a cabo porque a Roberto non hai só que visitalo, senón revisitalo. Roberto é un autor o cal non se atreveron a programalo, pola dureza do seu texto." É por iso que, dende sempre, Lois Blanco Araúxo, admirador da obra do compostelán, decidiu levar a cabo a adaptación teatral da súa obra "Rastros". Seguindo con esa xeración formada na ESAD, o propio director do CdG, Fran Núñez afirmou que: "como Centro Dramático Galego temos o deber de traer as nosas táboas, a obra de Roberto Vidal Bolaño".

Para finalizar o acto, Valentín García Gómez, Secretario Xeral de Política Lingüística, quen quixo destacar o 20 aniversario do pasamento do dramaturgo compostelán: "O motivo fundamental é remarcar o 20 aniversario do seu pasamento, da súa prematura falta. Roberto Vidal Bolaño fixo propostas arriscadas, de vangarda. Para un público novo nunha nova Galicia." Os asistentes desculparon a ausencia de representantes de Cultura da Deputación da Coruña e dos Concellos da Illa de Arousa e o Concello de Brión.

O vindeiro venres 4 e sábado 5 de marzo, ambos ás 20.30h no Teatro Principal de Santiago, terá lugar a estrea desta peza teatral. Trala estrea, darase paso a unha xira por toda Galicia. "Rastros" deixará a súa pegada en Vimianzo, Carballo, Cee, Narón, Ourense, O Barco de Valdeorras, Viveiro, A Estrada, Redondela e finalizará o venres 27 de maio no Teatro Rosalía da Coruña.

Rastros
Esther, a protagonista de "Rastros", é unha muller descaradamente libre. Seguramente anticipada aos tempos de hoxe. Acostuma a dicir o que pensa e facer o que sinte, sen prexuízos. Intentou evitalos pero sen éxito. É un dos personaxes femininos máis interesantes que produciu a dramaturxia galega, unha libertaria fin secular que tería topado o seu lugar nas manifestacións feministas de hoxe. "Rastros" pivota sobre a súa liberdade e, ao mesmo tempo, polas debilidades que a fan muller galega do seu tempo.

O elenco está formado por catro actores e actrices galegas formadas na Escola Superior de Arte Dramática de Vigo. Antea Rodríguez interpreta a Esther, a protagonista da historia – coñecida por actuar en series de TV como A Estiba ou Servir y proteger-. Esta ourensá encarna a unha muller cunha forza incontrolable que podería ser unha estrela do rock: tan intensa como fugaz. Esther está arrodeada de personaxes como Iago, un rapaz entregado ao galeguismo que pensa moito máis do que transmite con palabras – interpretado polo coruñés Muriel Pernas-. O espírito de loita de Iago é contrarrestado por Moncho, un home conformista e adaptado aos tempos, cun humor que resulta unha arma de dobre fío: tanto doce como acedo (o papel interprétao o vigués Pablo Carrera). O elenco complétao Mateo Franco interpretando o papel de Xan, un home que cambiou tanto a súa vida que o seu pasado parece un mundo diferente ao seu. Este coruñés xa traballara con Lois Blanco na súa ópera prima: o audiovisual "Fálame do silencio". Con Diego Valeiras como director do espazo escénico, Dani Juncal no deseño de iluminación e Javier Gey Fungueiriño no son complétase o equipo técnico e artístico desta obra teatral.

A primeira representación desta obra data do 19 de marzo de 1998 (hai case 25 anos). Gañadora de dous Premios María Casares e cun elenco formado por Patricia de Lorenzo (unha das artífices de Chévere Teatro), Luis Iglesia, Xoán Carlos Mejuto e Rubén Ruibal e música de Berrogüeto, a Casa da Cultura de Vilagarcía de Arousa albergou este acontecemento. Dúas ducias de anos despois, o telón de Rastros vólvese levantar no Teatro Principal de Santiago de Compostela.

Rastros é unha coprodución de Condetrespés e o Centro Dramático Galego que conta co apoio da Deputación da Coruña, a Rede de Dinamización Lingüística da Secretaría Xeral de Política Lingüística e coa colaboración do Concello de Santiago de Compostela, o Concello de Illa de Arousa e o Concello de Brión.

Compartir: