POLÍTICAS SOCIAIS

O Concello de Santiago enviará material de primeira necesidade á poboación ucraína a través de Protección Civil

02/03/2022 Desde hoxe mesmo, particulares, empresas e organismos que queiran aportar o seu gran de area, poderán doar material sanitario, produtos básicos e alimentos non perecedoiros para o seu envío e distribución entre as vítimas da guerra en Ucraína. Protección Civil de Santiago encargarase da xestión de todas as achegas que poderán ser depositadas na sede ou recollidas á domicilio previo aviso. Ademais o Concello, en solidaridade co pobo de Ucraína, iluminará a fachada do Pazo de Raxoi coas cores da bandeira do país, as noites das próximas fins de semana.

Protección Civil de Santiago encargaráse da recollida e entrega do material sanitario, alimentos e outros produtos doados, para o seu envío e reparto entre as vítimas da guerra en Ucraína. Todas aquelas persoas que queiran colaborar con esta iniciativa poderán entregar as súas achegas na sede de Protección Civil no estadio Verónica de Boquete de San Lázaro en horario de 9:00 a 14:00 e de 15:30 a 21:00, concertando unha cita de forma previa no 981543105, a través do WhatsApp no 676872425 ou por correo electrónico pcsantiago@santiagodecompostela.gal. Tamén se poderá solicitar a recollida no domicilio a través dos mesmos medios.

Entre os produtos de primeira necesidade que se están demandando, atópanse produtos básicos como sacos de durmir, roupa interior térmica, calcetíns e luvas, baterías e pilas, fornelos, tendas de campaña, lanternas, mistos… Tamén se poden achegar alimentos non perecedoiros como leite en po, café, cacao, galletas, leite e potiños para bebés, toalliñas, cueiros ou biberóns. Con respecto ao material sanitario recolleranse tesoiras, luvas, vendas, xiringas, tubos nasofarínxeos, adhesivo oclusal, xeso adhesivo, agullas e parches para pneumotórax, parches antiqueimaduras, mantas térmicas e ibuprofeno.

Todo o material recollido polo voluntariado de Protección Civil, será entregado á empresa Rey Procesos de Fundición, radicada en Vilagarcía de Arousa, que se encargará do seu transporte e distribución a través das súas redes loxísticas tecidas tras anos de estreitas relacións comerciais e industriais con empresarios ucraínos.

Compromiso do Concello con Ucraína

Onte mesmo, o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, mantivo unha reunión con Aleksandra Kaverina, unha moza de 34 anos que chegou hai 20 anos a Galicia e que desde o ano 2006 vive en Santiago coa súa nai. Aleksandra naceu en Jersón, preto da rexión de Crimea. Nesa cidade, sitiada polo exército ruso, aínda vive parte da súa familia e amigos, entre eles a súa avoa.

Ademais, no pleno do pasado xoves, o Concello de Santiago aprobou por unanimidade unha moción de urxencia de condena a agresión na que os catro grupos municipais que conforman a Corporación amosaban a "total solidaridade co pobo ucraíno. Tamén pedían un inmediato alto o fogo, a retirada das tropas rusas ao seu territorio; e o respecto ao dereito internacional, aos dereitos humanos e aos Acordos de Minsk, así como traballar pola resolución ao conflicto no marco da ONU e da OSCE. Solicitaban, ademais, o retorno á vía diplomática como única fórmula para resolver as diferenzas a acadar acordos de paz duradeiros.

Compartir: