DEPORTES

O pavillón do Santa Isabel acollerá este sábado o Campionato Galego Infantil de Karate, no que participan 219 karatekas de entre 5 e 13 anos

02/03/2022 A concelleira de Deportes, Esther Pedrosa, e o presidente da Federación Galega de Kárate e D.A. (Disciplinas Asociadas), Óscar Lafuente , presentaron o Campionato Galego Infantil de Kárate, que se vai celebrar o día 5 de marzo no pavillón municipal de Santa Isabel. A concelleira destacou o número de participantes inscritos, 219, procedentes de 27 clubs de toda Galicia que competirán, a nivel individual, nas modalidades de kata e kumite.

A competición, clasificatoria para o campionato de España Infantil, poderase seguir on-line a través da canle de You Tube da Federación Galega de Karate, xa que se retransmitirá por streaming. Nela participan karatekas de entre 5 e 13 anos, divididos nas categorías de benxamín, alevín, infantil e xuvenil, procedentes de 23 clubs galegos, dous deles de Santiago: o Avalon-Kai e o Bushi Kai, que aportarán á competición uns 26 deportistas.

Esther Pedrosa quixo reiterar o "compromiso do Concello de Santiago co karate" e felicitou "a todos estes nenos e nenas que forman parte do deporte base de Compostela". A concelleira animou a todo o mundo a iniciarse ou continuar na práctica do deporte, como unha garantía para "estar en forma, prever enfermidades e a manter hábitos de vida saúdables".

O presidente da Federación Galega, Óscar Lafuente, cualificou este campionato infantil como "a competición máis destacada no noso calendario deportivo pola importancia do deporte de base, e polo volume de participantes", e amosouse optimista sobre o futuro da competición debido á "elevada participación na edición deste ano, que se achega ás cifras previas á pandemia".

Compartir: