ACCIÓN CULTURAL

A terceira edición da Festa do Banquete de Conxo celebraráse o próximo 21 de maio

02/03/2022 A terceira edición da Festa do Banquete de Conxo terá lugar o próximo 21 de maio, segundo confirmou o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo. Precisamente hoxe celébrase o 166 aniversario deste acto de igualdade que deixou unha enorme e influinte pegada na historia contemporánea de Compostela.

O 2 de marzo de 1856, un grupo de intelectuais, entre os que se atopaba Eduardo Pondal, Aurelio Aguirre, Luis Rodríguez Seoane ou Manuel Murguía; organizaron un banquete na antigua finca do hospital de Conxo, no que os homenaxeados eran obreiros, artesáns… En definitiva, as persoas máis humildes e traballadoras de Santiago de Compostela.

Nese banquete eran os intelectuais os que servían a comida aos traballadores. Un "acto á inversa" segundo explicou o alcalde. Aquela comida "de fraternidade, foi a ocasión para reivindicar a liberdade e a igualdade entre todas as persoas e todas as clases sociais".

Sánchez Bugallo sinala que este xantar na carballeira de Conxo, na que precisamente se atopa o carballo de Conxo que opta a "Árbore do ano e Europa", "é unha referencia moi importante tanto na historia de Galicia como na historia de Santiago que hoxe estamos tratando de reivindicar a todos os niveis".

Por iso agora, despois de dous anos (2020 e 2021) sen poder celebrarse debido á pandemia provocada pola covid, retómase o intenso programa cultural e reivindicativo do Banquete, no que o acto central é esa comida multitudinaria que lembra aquela outra de 1856. "Se as condicións meteorolóxicas o permiten, o 21 de maio faremos a recreación e rememoración dese Banquete, no que poderá participar toda a cidadadía de Santiago, e por suposto, todas aquelas persoas que queiran compartilo con nós", sinalou o rexedor.

Compartir: