EDUCACIÓN

Área Central acolle, entre o 3 e o 6 de marzo, a oitava Feira de Minerais, na que colabora o Concello de Santiago

01/03/2022 A oitava edición da Feira de Minerais de Santiago terá lugar desde este xoves ata o domingo no centro comercial Área Central e contará cunha trintena de postos con minerais, fósiles e pezas de xoiaría. Este ano, a novidade será un posto de venda de meteoritos atopados por todo o mundo. Na presentación, esta mañá, estiveron o concelleiro de Educación, Rubén Prol, Alejandro Rodríguez, organizador da feira e Sara Castedo, adxunta á xerencia de Área Central.

Á cita acudirán comerciantes de distintos lugares de España, Portugal e outros puntos de Europa; con material de diferentes puntos do noso planeta, como minerais de África, ou ámbar do Báltico, entre outros. Trátase da feira máis grande de Galicia e Portugal sobre esta temática que, ademais do carácter comercial, ten un marcado acento didáctico. Tanto o xoves como o venres contará coa visita de varios centros escolares de diferentes puntos da xeografía galega, que asistirán a obradoiros de identificación de minerais e mineraloxía a cargo do Grupo Mineralóxico Galego e a Escola de Minas da Universidade de Vigo, respectivamente.

Alejandro Rodríguez sinalou que "despois de dous anos tan raros, intentamos que esta oitava edición sexa o paso cara a normalidade". Retómanse os obradoiros, suspendidos na séptima edición, "e temos expositores novos, expositores con meteoritos. Este ano van vir sete centros de ensino visitar a feira".

Sara Castedo sinalou que este evento "sempre foi un éxito". Recordou que é a máis grande de Galicia sobre esta temática. "É unha feira consolidada pola que seguimos apostando", engadiu.

Tanto o concelleiro Rubén Prol como Alejandro González e Sara Castedo, convidaron á cidadanía a asistir á feira, que se poderá visitar na esquina vermella e azul de Área Central, en horario de 10:00 a 21:00 horas. Como complemento, haberá unha exposición da área de Infraestruturas de Investigación da USC e do Museo de Historia Natural, e unha mesa de intercambio na xornada do sábado.

Compartir: