MEDIO AMBIENTE

A veciñanza de Santiago colabora con proxectos sociais e ambientais a través do sistema RECICLOS

01/03/2022 Os máis de 12.100 usuarios de RECICLOS en toda Galicia, 2.783 en Santiago, doaron case 300.000 puntos obtidos ao reciclar as súas latas e botellas de plástico de bebidas, para apoiar o labor do Banco de Alimentos e Cruz Vermella, ademais de oenegués locais. Este Sistema de Devolución e Recompensa (SDR) está xa instalado en máis de 1.802 contedores amarelos de toda Galicia, dos cales 599 foron instalados en Santiago, a primeira cidade en unirse á iniciativa, grazas a colaboración do Concello con Ecoembes.

RECICLOS, o sistema desenvolvido por Ecoembes que premia por reciclar no colector amarelo, está xa presente en 599 contedores nas rúas de Santiago, aos que se lles incorporou a tecnoloxía coa que os máis 2.780 usuarios poden recibir as recompensas cada vez que reciclan. Grazas a esta iniciativa, ata o momento se doaron case 300.000 puntos en toda Galicia, 75.963 en Santiago, que permitiron apoiar 15 proxectos de carácter social ou ambiental, tales como doazóns ao Banco de Alimentos, a Cruz Vermella e a oenegués locais.

Desta forma, cada vez que os composteláns e compostelás usan RECICLOS para reciclar as súas latas e botellas de plástico de bebidas poden contribuír a axudar aos seus veciños que máis o necesiten ou ao seu propio municipio, ao mesmo tempo que se fomenta a circularidade, dándolle unha segunda vida a estes envases.

Actuacións en Santiago
Entre as actuacións que se levaron a cabo ata o momento en Santiago cos incentivos resultantes do programa, destaca a contribución ao proxecto "Preto de ti vivir quero. Un barrio amable, Santa Marta", coa que se acondicionou unha zona verde do barrio para uso e desfrute da cidadanía. No marco deste proxecto, tamén se realizaron melloras no Parque Carlomagno e se apoiou ao Banco de Alimentos e a Ategal.

Mila Castro, concelleira de Medio Ambiente, amosouse "moi satisfeita cos resultados que esta iniciativa está tendo na cidade, onde se instalaron case 600 colectores amarelos, converténdose na primeira cidade de Galicia en apostar por RECICLOS", e salientou "o compromiso do Concello de Santiago coa economía circular e a reciclaxe, á que se suma "a aposta pola recuperación dos espazos verdes urbanos e o fomento da mobilidade sostible, obxectivos que se reforzaron a través dos incentivos que reciben os cidadáns que participan na iniciativa".

"Sentímonos enormemente orgullosos de como os cidadáns e cidadás galegos comprométense con causas sociais e ambientais a través dos seus puntos RECICLOS. Xa non se trata únicamente da acollida que este SDR, é algo que vai moito máis alá: a reciclaxe está a converterse nunha forma de coidar do medioambiente, pero tamén de quen máis o necesitan, e estes máis de 12.000 usuarios así nolo están demostrando", sinalou Fernando Blázquez, xerente de Ecoembes en Galicia.

RECICLOS
Para facer uso de RECICLOS, os cidadáns de Santiago só teñen que rexistrarse na webapp e, en casa, escanear o código de barras do envase que queren reciclar antes de tiralo ao cubo. Unha vez na rúa, cando acudan ao colector amarelo coa súa bolsa de envases, deben depositala nun colector amarelo e escanear o código QR que hai no colector. Ao facelo, obterán puntos, denominados RECICLOS, que poderán cambiar polas distintas recompensas que teñan dispoñibles. Estes puntos terán un límite semanal co fin de que os cidadáns non só reciclen máis e mellor os seus envases, senón que consuman de forma responsable.

Compartir: