PROMOCIÓN ECONÓMICA

Promoción Económica presenta as cinco novas especialidades do Plan FIP para 2007

12/04/2007 O concelleiro de Promoción Económica e Emprego, Xosé Manuel Iglesias, presentou as cinco especialidades do Plan FIP (Formación e Inserción Profesional), concedidas pola Consellería de Traballo, que impartirá a Concellaría no ano 2007. Son: instalador de sistemas de enerxía solar térmica, fontanería, carpintería, cantería e xardinería. Todos estes cursos, homologados pola Xunta de Galicia e subvencionados con 346.799,7 euros, realizaranse no Centro de Formación Ocupacional Sanxuás de Aríns. Cada un dos cursos oferta quince prazas.

Os cinco cursos, dirixidos a desempregados en xeral, suman 2.915 horas lectivas. Todos eles formarán a técnicos en especialidades con demanda non mercado laboral, algunhas delas, como instalador de sistemas de enerxía solar térmica e cantería, consideradas novos xacementos de emprego. Os cursos completaranse con prácticas en empresas e titorías especializadas para facilitar a inserción laboral dos usuarios.

En todos os cursos impartiranse dous módulos transversais. Nas especialidades de instalador de sistemas de enerxía solar térmica, xardinería e carpintería son "Formación para a igualdade" e "Habilidades comunicativas en galego para o mundo laboral". En fontanería e canteiría son "Formación para a igualdade" e "Curso básico de prevención de riscos laborais".

Da especialidade de instalador de sistemas de enerxía Solar térmica a Concellaría que dirixe o nacionalista Xosé Manuel Iglesias impartirá o curso completo. Son 330 horas lectivas repartidas en sete módulos. De xardinería tamén se impartirá o curso completo, de 555 horas repartidas en seis módulos. O ano pasado só se formaba en dous módulos, sen contar os transversais. A especialidade de fontanería tamén se dará completa. Son 785 horas, divididas en seis módulos.

De cantería e carpintería impartiranse dous módulos dos catro cos que contan os cursos, aos que se engaden os dous transversais. Carpintería ten 515 horas lectivas e canteiría 705. A especialidade de canteiro inclúese este ano por primeira vez no Plan FIP, xa que ata agora impartíase como formación experimental.

No ano 2006, a través da Concellaría de Promoción Económica e Emprego, recibiron formación máis de 600 persoas e impartíronse máis de 5.000 horas lectivas a través de cursos FIP, do Obradoiro de Emprego, dos cursos de Formación Experimental e do Programa Persoa. Este ano hai un incremento na subvención dos cursos do Plan FIP, que se xustifica polo aumento no número de horas lectivas.

Equal Compostela Social

Ademáis de cursos de formación, a Concellaría de Promoción Económica desenvolve distintos programas experimentais, como o Proxecto Equal Compostela Social, destinados a fomentar o autoemprego mediante a creación de novas empresas, e a través do que xa se constituíron 31 novas firmas na área de Compostela.

O venres día 13, ás 19:30 horas, inaugurase na rúa Virxe da Cerca, 23 unha nova empresa creada no marco de Equal Compostela Social: Artefacto Producciones Audiovisuales. Adícase á produción audiovisual, especializándose na animación e máis en concreto na técnica "stop-motion". Esta técnica está baseada na minuciosa tarefa de crear e fotografar modelos ou bonecos, nunha serie de minúsculos movementos, dando con iso a sensación de movemento. Nesta técnica, novidosa no panorama audiovisual galego, utilizase fundamentalmente plastilina.

Coa constitución de Artefacto Producciones Audiovisuales xa son 31 as empresas creadas en Santiago no marco do proxecto Equal Compostela Social. 23 delas, algo máis do 74%, foron constituídas por mulleres. Está previsto que en breve se inaugure, tamén dentro do proxecto Equal Compostela Social, o centro de estética Saude e Beleza, promovido pola usuaria Marisa Dequidt Herrero.

Compartir: