PLENO

O Concello de Santiago consensúa unha declaración institucional de condena a agresión a Ucraína e solicitando a retirada das tropas rusas

24/02/2022 Na sesión ordinaria do Pleno celebrada este xoves, a Corporación municipal consensuou unha moción conxunta de todos os grupos municipais para expresar a súa repulsa pola agresión a Ucraína por parte de Rusia e pedindo a retirada das tropas e o respecto ao dereito internacional.

O Pleno da Corporación admitiu así a moción de urxencia, consensuada por todos os grupos municipais, na que se fai unha "condena da agresión de Rusia a Ucraína", amosando unha "total solidaridade co pobo ucraíno". Ademáis, na declaración pídese "o inmediato alto o fogo e a retirada das tropas rusas do seu territorio", respectando así "o dereito internacional, os dereitos humanos e aos Acordos de Minsk", e traballar pola resolución do conflicto no marco da ONU e da OSCE".

Nun último punto, os catro grupos municipais, fixeron un chamamento a que se volva á vía diplomática "como única fórmula para resolver as diferenzas a acadar acordos de paz duradeiros".

Na declaración institucional, que está previsto tratar e aprobar ao final do pleno, alúdese á "grave agresión a República Popular de Ucraína por parte das tropas rusas", que se concretou a pasada madrugada con explosións sobre distintas ciudades do país, como Kiev, Berdiansk, Kramatorsk, Borispil ou Brovari, segundo fontes do goberno ucraíno. Ademais, tamén se levaron a cabo ataques con misiles en varias instalacións militares de Kiev, Járkov e Dnipró.

No texto recórdase que se trata dunha "agresión a un país soberano que, se non se detén, pode desembocar nunha traxedia humanitaria na zona, e en Europa".

Minuto de silencio
O pleno do Concello arrancou hoxe cun minuto de silencio en memoria das vítimas de violencia machista e das vítimas do naufraxio do pesqueiro Vila de Pitanxo, en augas da NAFO, fonte as costas de Terranova, en Canadá.

Patrimonio etnográfico
Tamén saiu adiante, por unanimidade, unha proposición do BNG para realizar as xestións necesarias, en colaboración con outras administracións, para contribuír mediante recursos económicos e de asesoramento aos labores de recuperación de elementos de arquitectura tradicional e etnográficos de Santiago, iniciados por diversas asociacións. Todos os grupos municipais votaron a favor.

Mocións
A primeira moción debatida, presentada polo BNG, para amparar ás vítimas dos abusos cometidos en institucións vinculadas á igrexa católica, foi aprobada por unanimidade de todos os grupos municipais, coa transacción ás emendas presentada por Compostela Aberta, quedando o texto do acordo como segue:

1. Condenar rotundamente todos os abusos cometidos contra as crianzas e menores de idade, de calquera tipo, en calquera ámbito ou en calquera condición, mostrando que en ningún caso deben ser tolerados nin encubertos.

2. Pór a disposición das vítimas, das familias e das institucións afectadas a orientación dos servizos sociais municipais e impulsar, se fose necesario, a implantación de protocolos ou mecanismos de prevención e resposta municipais, así como a sinatura dun Convenio co Colexio de Avogacia de Santiago para facilitar a asesoría xurídica das vítimas e familias, no caso de necesitala.

3. Apoiar e colaborar coas investigacións que se leven a cabo no ámbito da Xustiza, da Igrexa ou noutros ámbitos ou entidades; investigacións que han de estar encamiñadas a coñecer a verdade, a reparar o dano causado e a condenar aos responsables destes graves delitos.

4. Instar á Xunta de Galicia a seguir avanzando na concienciación, na detección temperá, na terapia e no acompañamento das vítimas aplicando protocolos de prevención, resposta e actuación diante de posibles novos casos, e o establecemento de medidas para previr e erradicar os abusos aos menores en todos os ámbitos e adoptar todos os instrumentos e medidas necesarias para garantir a súa eficacia.

Tamén se aprobou por unanimidade, a moción presentada polo BNG co obxecto de adoptar as medidas necesarias para a mellora dos servizos e dotacións públicos relativos a iluminación pública, recollida de residuos, limpeza, zonas verdes e seguranza viaria no SUNP-25 de Roxos.

Outra moción aprobada cos votos a favor de todos os grupos foi a presentada polo BNG para a habilitación e reforzo dos puntos de acceso de información para favorecer a transición cara á administración electrónica e permitirá a presentación de trámites e solicitudes vía presencial e escrita para aquelas persoas que o desexaren de acordo coa normativa en vigor.

Compartir: